Un Dumbría descarado

Deixou unha grata impresión o Dumbría na súa visita a Viveiro. Acostumado o público de Cantarrana a que os conxuntos novatos na categoría veñan a pecharse atrás esperando unha contra ou un erro local para levarse os puntos, sorprendeu o xeito de afrontar o encontro por parte dos de Canosa. Apoiados nun par de defensas veteranos, co descaro da xuventude do seu plantel como bandeira e xunto á rapidez de Luisito en punta, os dumbrieses nin sequera decidiron cambiar de plan e atrasar as súas liñas cando o equipo local dispuxo dunha ocasión inmellorable no primeiro minuto de xogo, que Juan sacou cunha gran intervención. Todo o contrario. Aínda que nalgúns tramos caendo nun fútbol demasiado directo, ao igual que o cadro celeste, falto de ideas e sen ser capaz de facer o seu xogo habitual -algo tería que ver o traballo dos da Costa da Morte-, os visitantes refixéronse do dominio inicial local e tomaron o mando do partido con dúas boas ocasións entre os minutos 20 e 30.

Porén, a pólvora do Dumbría, ao igual que a do Viveiro, amosouse moi mollada durante toda a tarde. Sirva de exemplo o feito de que o seu gol foi obra do viveirés Popi, na xogada tonta da xornada.

No único erro groso dos coruñeses chegou o tanto do Viveiro, pero os dumbrieses souberon levantarse e irse ao ataque. A partir do empate, os últimos 40 minutos practicamente sobraron e os dous equipos case deron por válidas as táboas. A calor que sufriron os xogadores en Cantarrana seguro que no axudou no plano físico. O Viveiro tentouno máis co corazón que coa cabeza e as tímidas chegadas á contra do Dumbría non foron suficientes para darlle a volta á balanza.

En definitiva, vendo as características dos futbolistas do Dumbría e a aposta do seu adestrador, creo que non pasarán apuros para salvarse ao cabo da temporada, sempre que sexan capaces de sumar no seu campo de tres en tres con asiduidade. De todos os xeitos, a Preferente non é doada e a inexperiencia de moitos dos seus futbolistas pódelles xogar algunha mala pasada. O que si deixaron claro é que van ser os protagonistas de máis dunha sorpresa ante equipos da zona media-alta.

  • Miguel Albo Lestegás, xornalista deportivo na Mariña Lucense.

Máis información

Novas relacionadas

Máis novas

Fonte

  • Redacción de Deportes de QPC (deportes@quepasanacosta.gal).