E comezamos, coma sempre, o repaso pola Preferente - Senra Sport, na que os nosos, en dúas liñas completamente diferentes, teñen tamén choques complicados. XSC e Dumbría viistan a dous equipos en zona de promoción de ascenso, en plena pelexa, polo que os choques em Mugardos e Dubra serán máis que complicados. Máis necesitado chega o XSC, que mira de reollo aos de abaixo e necesita sumar no choque do sábado.
Volve a 1ª Autonómica - Clínica Vértebra e o fai cun novo derbi. O Baio, moi ben colocado e mesmo con algunha opción de pelexar pola Promoción, recibe a unha Esteirana para a que cada punto é ouro. Os de Pedrosa teñen a 6 os postos de salvación polo que o empate non vale e pelexarán por unha vitoria ante o potente cadro de Félix. Por arriba o Sofán tamén quere voltar a ter opcións de loitar por esa promoción e paso facerlle un favor ao cadro esteirán vencendo a un dos que pelexan por evitar o descenso. Outro favor pode chegar dende Corme, que quere manter a súa gran xeira ante outro dos de abaixo, mentres o Malpica, se vence, practicamente esquecería os problemas ca zona baixa. Ademais, ao Soneira tócalle un dos de arriba, o Puebla.
Horario unificado para esta 30ª xornada da 2ª Autonómica - ES Bazarra, con boas probas para os de arriba. O líder, o Zas, quere manter os 4 puntos de vantaxe sobre os seus perseguidores pero terán que vencer en Muros ante un Volantes tan irregular como perigoso. O Outes ten a visita do Cee, ante o que non pode fallar, e o meso lle acontece ao San Lorenzo co Seaia. E se non quere perder definitivamente o tren, o Castriz terá que superar ao Ponteceso. Por abaixo, clave para o Porteño non fallar no derbi ante o sempre tocado pechacancelas, Camelle. Ademais, para o Montelouro cada partido é unha final e desta volta teñen unha complicada saída ante o Baíñas, como a do Cabana en Fisterra.
E o Cerqueda pode dar un novo paso cara o ascenso directo vencendo ao Castrelo cando quedan 6 xornadas para o remate desta 3ª Autonómica - Clínica Xunqueira. Pero a emoción está na loita pola segunda praza e mais na da Promoción. O Ameixenda descansa e o Coristanco pode poñerse se vence ao Muxía, por primeira vez dende a xornada 11, en postos de ascenso directo, pero aínda tería que descansar e o cadro muxián está en plena pelexa pola Promoción co Lira, Corcubión e Nantón. Precisamente carnotáns e corcubións xóganse unha finalísima, da que querrá aproveitarse o Nantón, se non falla ante o laxe, para volver a meterse nos postos de Promoción.
Triple sesión de Copa
Teremos 12 partidos de copa nas categorías Base, ca Ida dos Cuartos da Copa da Costa Xuvenil, Cadete e Infantil.
Quedan 4 partidos e son 4 finais para o XSC da Liga Galega Cadete. Os de Corredoira recibe ao Ural ao que teñen que superar mentres miran os choques dos seus rivais por eludir o descenso, Vilalbés e Orillamar. O Dumbría da División de Honra Cadete - Aluminios Dumbría, sen tantos apuros, visita ao Porriño Industrial, mentres o Infantil, xa case sen opcións de manter a categoría, recibe ao Ural no Conco.
Nova xornada completa de F8
E seguen os peques sendo protagonistas con 5 ligas moi vivas. Máis intensas están as dos Sur, pois a pesar de ser moito máis longas, acabarán antes e xa están na recta final, con Cee e Outes pelexando en Alevíns e o Fisterra co título de Benxamíns na man.
Finalísima Veteranos
Quedan 3 partidos para o remate das Ligas de Veteranos, e a cousa está que ferve, de feito un dos partidos da xornada a nivel costeiro dase na 1ª División. Coristanco e San Román xóganse media liga nas Rocheiras. O cadro coristanqués recuperaba o liderato a xornada pasada aproveitando o tropezo do ata entón líder, e agora, con dous puntos de diferencia, chegan a este partido co título en xogo, un título que vencía o ano pasado o propio Coristanco. Ademais, hai lío pola zona baixa, con 3 equipos intentando evitar as 2 prazas de descenso nun pano de 2 puntos. E toca tamén final, O Xuv. Bergantiños, con 2 puntos máis que Cabana e Castriz, pode dar un paso adiante vencendo ao Cabana. Mentres, na 2ª División, Erbecedo e Agualada teñen practicamente asegurado o ascenso, pero aínda pelexan polo título.