venres. 02.05.2025
El tiempo

O BNG de Dumbría pide que a Deputación licite de novo as obras da estrada de Buxantes

Xaime Trillo BNG Dumbria
Xaime Trillo, voceiro do BNG de Dumbría
O BNG de Dumbría pide que a Deputación licite de novo as obras da estrada de Buxantes

O BNG de Dumbría vén de solicitar que a Deputación da Coruña licite de novo a mellora da vía DP-2302, que une Hospital con Brens, e que é coñecida como estrada de Buxantes, logo de que o ente provincial resolvese o contrato coa empresa adxudicataria. 

O voceiro municipal do BNG, Xaime Trillo, rogou ao goberno local no Pleno da Corporación dumbriesa, celebrado este mércores 30 de abril, que se dirixa á Deputación para que proceda cunha nova licitación, e lembrou que desde o comezo houbo varios problemas que tiveron que ver co retraso tanto de Telefónica como de Fenosa a respecto da variación de varios trazados do tendido. 

O BNG sinalou que a acta de inicio de obra asinouse o 31 de marzo de 2021, e en setembro dese mesmo ano a empresa pediu unha prórroga por causas alleas ao seu traballo, que foi concedida pola Deputación por un período de tres meses. Transcorrido ese prazo, a adxudicataria volveu a solicitar outra prórroga porque  seguían pendentes do traslado dos tendidos, mais esta nova solicitude foi rexeitada polas autoridades provinciais, que consideraron que había unha tardanza dos traballos por parte da empresa e que era posible facer as obras, ademais de verificar que non existía un xefe de obra.

En outubro de 2022 a Deputación, logo das queixas recibidas por parte da veciñanza e do propio Concello, requeriu á empresa que reiniciase os traballos, impóndolle  penalidades polo incumprimento. A compañía presentou recurso pero non se aceptou. 

En xaneiro de 2023, un informe dos servizos técnicos da Deputación indicou que quedaba máis da metade da obra sen executar e que, tendo en conta os prazos, había que resolver o contrato. Cuestión que foi notificada á empresa en xuño dese ano. O asunto chegou á xustiza, que se pronunciou a favor da Deputación a finais de 2024, polo que xa non existe ningunha traba legal para que se licite unha nova adxudicación.

Mocións do BNG no pleno

Por outra banda, o grupo municipal do BNG lamentou que fosen rexeitadas dúas mocións que presentou no pleno ordinario celebrado este mércores 30 de abril, cos votos en contra de PSOE e PP. 

A primeira instaba á Corporación a reafirmarse na defensa da lingua galega, así como a adherirse á plataforma “Queremos Galego!” e a apoiar os actos e mobilización que esta entidade ten convocados para o vindeiro 17 de maio. E a segunda pedía ao goberno local que cedese ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) parcelas municipais de solo urbano ou urbanizable, e edificios para ser rehabilitados, para que o IGVS constrúa vivendas de promoción pública.

Ademais, o voceiro nacionalista, Xaime Trillo, preguntou ao alcalde se o Concello ten elaborado un censo sobre edificios de titularidade pública en estado de abandono ou en desuso.

Comentarios