sábado. 17.01.2026
El tiempo

Piden recuperar A Casilla, en Bustelo, para destinalo a uso municipal

A Casilla de Bustelo cos membros do BNG
Xesús Túñez e Xaime Trillo diante da coñecida como Casa do legoeiro
Piden recuperar A Casilla, en Bustelo, para destinalo a uso municipal

O BNG de Dumbría vén de presentar unha iniciativa no pleno da corporación celebrado este mércores 14 de xaneiro na que insta ao Concello a que solicite á Xunta a cesión do inmoble coñecido como A Casilla, no lugar de Bustelo, para que sexa destinado a uso municipal. O voceiro municipal dos nacionalistas, Xaime Trillo, explicou que A Casilla, que tamén é chamada “Casa do legoeiro”, está en estado de abandono e case en ruína.

“Se a Xunta non ten ningún interese nela, tendo en conta o desleixo no que se encontra, deberíase instar para que a ceda ó Concello, porque en Dumbría si a necesitamos para ser aproveitada”, afirmou o portavoz do BNG, que sinalou que “podería ser habilitada para ser utilizada pola veciñanza ou polo tecido asociativo do municipio, e incluso cabería contemplar a posibilidade de construír alí un futuro centro de día, que tanto necesitamos”.

Por outra banda, Xaime Trillo tamén demandou ao goberno local o arranxo da estrada que vai de Salgueiros a Rebordelo, así como a da Pelexa. E pediu que acondicione “un camiño de monte que está en moi mal estado no lugar de Cheo”. O concelleiro nacionalista rogou que estas actuacións sexan tidas en conta para futuros plans de obras da Deputación da Coruña (POS).

Comentarios