venres. 21.11.2025
El tiempo

O PSOE denuncia en Dumbría que a Xunta volve "esquecer" a Costa da Morte nos Orzamentos

Patricia Iglesias 270624 01
Patricia Iglesias
O PSOE denuncia en Dumbría que a Xunta volve "esquecer" a Costa da Morte nos Orzamentos

Visitaba onte Dumbría a deputada socialista Patricia Iglesias Rey, onde realizaba unha rolda de prensa para valorar os Orzamentos da Xunta.  Acompañada de alcaldes, alcaldesas e portavoces socialistas da Costa da Morte. Iglesias sostivo que as contas autonómicas “volven esquecer esta comarca tan importante”, e advertiu de que a cidadanía percibe unha discriminación territorial: “Parece que hai veciños e veciñas de primeira categoría e veciños de segunda, como pasa nesta bisbarra”. 

A deputada puxo o foco no que definiu como “afogamento” dos concellos por competencias impropias. Relatou que os municipios están asumindo gastos que deberían corresponder á administración autonómica, “dende o Servizo de Axuda no Fogar ata obras en centros de saúde ou colexios”.

Tamén fixo referencia á autovía da Costa da Morte, que continúa sen rematar malia as "promesas" reiteradas e destacou que “é verdade que agora anuncian o tramo de 5,5 quilómetros ata Santa Irene, pero ese mesmo proxecto anunciouno Feijóo en 2014. Estamos en 2025. Foron anos e anos de promesas incumpridas”. Engadiu que a Xunta adoita visitar a comarca en períodos electorais, pero depois “a Costa da Morte queda esquecida”, e reivindicou que o territorio “merece respecto, recursos e un goberno que non o trate como unha esquina afastada nos mapas”. 

Deste xeito, Iglesias cualificou os orzamentos de “absolutamente raquíticos” e afirmou que “o goberno da Xunta goberna moito para os seus, para os concellos do PP”. Criticou tamén as declaracións de Paula Prado en Camariñas e defendeu que os socialistas “preocupámonos dos problemas da xente, da sanidade e da educación”, así como de que os concellos non sigan soportando competencias que non lles corresponden. Lembrou que o PSdeG presentou máis de trinta emendas para a comarca, aínda que supón que “o PP as rexeitará”. 

Os representantes municipais socialistas de Dumbría, Carnota, Fisterra, Zas e Corcubión coincidiron en denunciar a falta de investimentos en infraestruturas básicas, servizos sociais, centros de saúde e melloras nos colexios e espazos públicos. Subliñaron que, ano tras ano, as demandas locais non se reflicten nos orzamentos autonómicos, afectando a calidade de vida e a prestación de servizos nos distintos concellos da comarca. 

A rolda de prensa concluíu cun chamamento conxunto á Xunta para que “teña en conta” as necesidades urxentes da Costa da Morte e revise uns orzamentos que, segundo os representantes presentes, deixan novamente á comarca sen as inversións que leva anos esperando. 

Comentarios