Camilo Jose Cela volveu a Fisterra
Dende a vila do Cristo escribira súa última novela: “Madera de boj”. E Fisterra debíalle unha homenaxe. De aí o evento que artellou a pasada fin de semana o Bela Fisterra e a Concellería de Cultura, un acto de lembranza e gratitude ao escritor que fixo de Fisterra un mundo de universal grandeza literaria.
Neste sentido, iniciou o turno de intervencións Iván Rodríguez, bibliotecario da Fundación CJC, que falou da relación do Nobel coa Costa da Morte durante a súa estancia na comarca para escribir “Madera de boj”, destacando a riqueza da Fundación.
Seguidamente, o escritor Paco López-Barxas dixo que “a literatura española está chea de grandes escritores, pero que CJC é un dos poucos renovadores do idioma cos que conta a historia”. López-Barxas referiuse á súa experiencia como xornalista, editor, escritor e conferenciante en relación coa obra e figura de Cela, lembrando algúns dos momentos compartidos co autor de “Pascual Duarte”. Neste sentido -engadiu-, “Cela nunca foi amigo de medias tintas nin de paños quentes, amosando unha especial predilección pola sustancia poética das palabras, como se pode apreciar na súa prosa”.
Pola súa parte, o profesor e crítico José A. Ponte Far analizou a obra narrativa de CJC, especialmente aqueles títulos nos que, polo seu tratamento léxico e argumental, agroma de forma máis explícita a realidade galega dentro do universo celiano. Tal é o caso de La Rosa, La cruz de San Andrés, Mazurca para dos muertos ou Madera de boj. Ponte Far afirmou que CJC é equiparable, sen ningunha dúbida, ás grandes figuras das nosas letras como Cervantes, Quevedo, Góngora e Valle-Inclán.
O poeta fisterrán Modesto Fraga achegouse ao Cela poeta de “Pisando la dudosa luz del día”, sen esquecer as referencias aos tres poemas escritos en galego en 1957: “Romaxe da historia natural”, “Canzón para una muller aldraxada polo tempo” e “A una rapariga garatuxeira”.
Como remate do acto, a concelleira de Cultura, Teresa Fernández, entregou á Fundación CJC -en nome da corporación municipal de Fisterra-, un retrato de Cela, elaborado en técnica mixta, da autoría de pintora Isabel Pintado, que foi recollido polo bibliotecario da institución Iván Rodríguez. O hotel Bela Fisterra conta, dende a súa creación en 2018, con 16 habitacións dedicadas ás grandes obras e autores da literatura universal do mar, entre as que se atopa a de Camilo José Cela, que leva o nome de “Boj” en alusión a novela que escribiu en Fisterra, e que os asistentes ao acto poideron visitar da man do seu promotor Pepe Formoso.