A Casa das Peritas reabre na Semana Santa con arte contemporánea e espectáculos en Mallas

Un cadro do colectivo Gozo

A Semana Santa de Fisterra ten outro aliciente singular. Ademais das procesións, poderemos gozar dunha inusual oferta de arte contemporánea e artes escénicas que ofrece na Casa das Peritas. Do 13 ao 20 de abril, a Casa de Tomás Lijón e Natasha Lelenco, situada na aldea de Mallas, volve abrir as súas portas como galería pop-up, convertindo unha vella casa do século XIX restaurada en vivenda, espazo creativo e sala de exposicións ocasional.

A oferta deste ano é a exposición comisariada por Natasha Lelenco que leva por título “Corpos” e que contará coa participación dos artistas Inés Silvalde, Óscar Aldonza, Borja Ínsua, Llou Insidias, e a presentación pública de Colectivo Gozo, cunha proposta que, segundo a comisaria “propón unha achega ao tema sempre presente na historia da arte e inabarcable do corpo humano, desde linguaxes e achegas distintas, ofrecendo o que queremos que sexa unha proposta inmersiva, ao tempo lúdica, participativa e que vaia máis alá da propia casa”.

A inauguración da exposición (que conta coa colaboración de Bodegas Martín Códax, que convidará á degustación dos seus viños), serña este domingo domingo 13 ás 12:00h.

Borja Ínsua traballando

Ademais, coa colaboración do Concello de Fisterra a aldea  de Mallas acollerá dous espectáculos, aos que tamén se poderá acceder de xeito gratuíto.

O mércores 16 ás 19:00h na Praza do Campo, Títeres Alakrán, a compañía de teatro de títeres de Borja Ínsua, veciño natural de Vigo, ofrecerá o seu espectáculo Barriga Verde. 
Ademais, o sábado 19 tamén ás 19:00h a fonte do Lavadoiro de Mallas, co conxunto patrimonial de hórreos que o rodean, fará as veces de auditorio improvisado para acoller o concerto da cantautora Marián, acompañando unha instalación do escultor Óscar Aldonza.

A exposición poderá visitarse todos os días de domingo a domingo entre as 11:00h e as 14:00h e as 17:00h e as 21:00h. 
Toda a información sobre o proxecto e o programa completo pode consultarse en www.casadasperitas.com 

Máis novas