Casa das Peritas: "E o barco de pedra flotou"
A artista moldava Natasha Lelenco, a súa impulsora, e o veciño de Sardiñeiro, o mestre/artista polivalente Tomás Lijó, abrían as portas o pasado día 9, e ata este domingo 16 non pararon de recibir visitas e servir vermús Petroni.
Todo, coa intención de convertirse en foco de reflexión entre veciñanza e visitantes sobre “o sentido e da utilidade da arte, das profesións da arte e ao tempo, un exemplo vivo de que todo se pode facer desde o rural, mesmo conseguir que a veciñanza sexa o público prioritario de propostas que con frecuencia adoitan sentirse como lonxanas e inaccesibles”, explícanos Lijó.
E precisamente isoa, a participación das xentes do lugar, visitando a expo e nas intervencións en zonas comúns, foron o máis salientable desta cuarta edición da galería, o que lles dá “gañas de seguir facendo cousas”.
A mostra incluíu o traballo in situ da artista polaca Mónika Molenda, escultora que desenvolve a súa actividade profesional como medallista e á que os visitantes puideron coñecer traballando nos baixorelevos sobre xeso a partir dos que logo se elaboran as moedas nalgunha das casas de moeda europeas para as que traballa.
A propia Natasha Lelenco expuso algunhas das súas últimas obras, unha serie de retratos á que denomina “Fetiches” e que, entre o humano e o imaxinario, reflexionan sobre a memoria, o valor da imaxe na construción do recordo e da mirada, e a nosa propia fraxilidade. Algunhas das pezas que puideron verse na exposición viaxan agora a Alemania, rumbo a Nordart, o fesival de arte de Büdelsdorf que se conta entre os máis veteranos de Europa.
Pero se cadra, a acción máis reseñable foi a protagonizada por Francisco Remiseiro. O escultor de Barro, Pontevedra, chegou máis alá do espazo interior da Casa das Peritas, coa instalación do monumental Watching TV, unha peza na que un personaxe sobredimensionado contempla impasible un partido de fútbol na televisión.
A máis emotiva das intervencións tivo lugar no Lavadoiro de Mallas. Coa colaboración do Departamento de Cultura do Concello e co acompañamento musical de Catuxa Salom, Remiseiro fixo flotar unha barca de pedra, causando a sorpresa do público. “Foi un momento case máxico” afirma Tomás Lijó, coorganizador do evento. “Un pode sospeitar polo teorema de arquímedes, que independentemente do seu peso, coas medidas e forma precisa, debería flotar, pero sobrecolle velo en persoa, unha imaxe que, no contexto do lavadoiro de Mallas que lle fixo de marco, e co acompañamento de Catuxa Salom, converteuse nun momento inolvidable.
Agora tócalle ao Concello dar o paso e facerse coa peza para expoñer no Museo da Pesca, lugar idóneo para semellante obra de arte.
Novas relacionadas
- 2022: O rural da Costa da Morte como “contexto” para unha exposición de arte na Casa das Peritas.
- 2021: Natasha Lelenco presenta Fetiches no espazo de arte Os Catro Gatos.
- 2019: A Casa das Peritas volve maridar arte nunha experiencia cultural única.
- Xullo 18: Arte e vermú na Casa das Peritas, un sopro de aire fresco á cultura da Costa da Morte.
- Xuño 17: Os mecenas salvan da queima do San Xoán parte do Gran Libro dos Señores Importantes.
- Abril 17: A Casa das Peritas, unha nova Galería no rural da Costa da Morte.