Sábado. 20.04.2024
El tiempo

O rural da Costa da Morte como “contexto” para unha exposición de arte na Casa das Peritas

Natasha Lelenco abre a Casa das Peritas
A anfitriona Natasha Lelenco tamén amosará a súa arte
O rural da Costa da Morte como “contexto” para unha exposición de arte na Casa das Peritas
Este vindeiro sábado 9 de abril, ás 13:00h inaugúrase “Contexto”, a exposición coa que a Casa das Peritas, un espazo de arte situado na aldea de Mallas, no Concello de Fisterra, abrirá portas ata o domingo 17 e que poderá verse en horario de 11:00h a 14:00h e de 17:00h a 21:00h.

Natasha Lelenco, artista de orixe moldava afincada en Galicia é a impulsora deste proxecto, un experimento de arte desde o rural da Costa da Morte polo que xa pasaron en ocasións anteriores artistas como Luísa Álvarez, Jose Perozo ou María Magán e que desta volta, dobra a aposta cunha programación musical e performativa que intervirá sobre espazos da aldea. “A idea é xerar contexto novo para a produción, a exhibición artística e a súa mediación coa comunidade, axudando a resignificar o rural como espazo creativo e vivo”.

Da boa fe desta idea o feito de que todos os artistas que participan en “Contexto” comparten o feito de residiren e traballaren desde o rural. A aposta é, segundo Natasha Lelenco “xerar un contexto novo que permita reflexionar, precisamente sobre a falta de contexto nun momento no que a sobrecarga de información á que estamos sometidos no mundo virtualizado dificulta a conformación de criterio sobre a realidade. Conflúen nesta exposición, segundo afirma Natasha, tres itinerarios temáticos: a necesidade de contexto para nos asir como individuos na sociedade virtualizada, o lugar que lle queda aos oficios da arte e o sentido dos propios espazos de exhibición.

No referido a este último fío, afirma Natasha Lelenco que “os espazos da arte tal e como hoxe os coñecemos teñen a súa orixe na tendencia que, desde o século XVIII quixo sacar a arte da casa dos seus propietarios para facela máis accesible. Converter unha casa de aldea nun espazo de arte ocasional conecta coa idea contraria: facer accesible a propia casa e traballar nela en conexión coa comunidade da que esta forma parte, lonxe do frío da institución moitas veces tan inaccesible mesmo para os artistas”.

Sábados de arte, música e vermú

Casa das Peritas 3
Imaxe dun evento na Casa das Peritas antes da pandemia

A programación expositiva inclúe varias accións o sábado 9, día de inauguración no que ademais actuará o dúo Lilí Berlín, formado por Suso Alonso e Blanca Cendán.
O sábado 16 ás 19:00h o lavadoiro da aldea de Mallas converterase en espazo escénico para a presentación da Barca de Pedra de Francisco Remiseiro, unha peza escultórica en granito que recolle a tradición mitolóxica das barcas de pedra (véxase a Virxe da Barca de Muxía, ou a suposta barca de Pedra que trouxo ao apóstolo Santiago) e que será posta a flote no lavadoiro co acompañamento musical da artista galego arxentina Catuxa Salom.

A programación conta coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Fisterra e de Vermús Petroni, que convidará a maridar a experiencia expositiva con degustacións dos seus vermús.

Os artistas

Fran Remiseiro - Foto Yoshimura Ramón
Fran Remiseiro - Foto Yoshimura Ramón

Francisco Remiseiro (Barro, Pontevedra,1975). Entra en contacto desde moi novo cos dous oficios satélite da escultura: a carpintería e a cantería, que marcan o seu xeito de relacionarse coa materia. Unha constante no seu traballo é a representación figurativa realizada cunha entrega e virtuosismo propia dos grandes mestres da historia da arte. A obra gráfica é outra faceta que explora paralelamente á escultura.

Monika Molenda

Mónika Molenda (Zamość, Polonia, 1976). Estudou nas Academias de Belas Artes de Varsovia, Bratislava e Wroclaw, licenciándose en escultura. É autora de monumentos e esculturas no espazo público en Wroclaw, Varsovia, Nysa e Milicz. A súa obra foi premiada no Concurso Internacional de Medalla “Budapest 1956”, e representou a Polonia nos anos 2008 e 2009 nos Encontros de Escultores do Grupo Wyszehrad.
Lilí Berlín son Blanca Cendán e Suso Alonso, dous artistas referenciais do teatro, da música e do audiovisual galegos cunha traxectoria que atravesa as últimas décadas en viaxe de ida e volta coas principais compañías do país, series de televisión e e as bandas máis “senlleiras”. Blanca Cendán é actriz e cantante, Suso Alonso é pianista, compositor e arreglista. Lilí Berlín é un proxecto cheo de humor que trae ao presente as grandes divas do cabaret do século XX.

Catuxa Salom estara na Casa das Peritas

Catuxa Salom (1989, Pontevedra). Música, actriz e socióloga. Inspirada pola natureza e polas xentes do rural crea, desde unha aldea de lugo, na Biosfera do Río Eo, o seu proxecto musical Catuxa Salom, que é unha fusión das súas raíces nativo-arxentinas e música en galego: Un universo sonoro que invita a viaxar por mundos oníricos.

Natasha Lelenco (Chisinau, Moldavia, 1982). Impulsora e comisaria do proxecto Casa das Peritas, desenvolve a súa produción artística no campo da pintura cunha aposta pola figuración e o retrato, aínda que non exclusivamente. A súa obra recente foi exposta en encontros internacionais como a Trienal de Tijuana (México), Nordart (Büdelsdorf, Alemania) e en feiras de arte en España e Portugal.

Novas relacionadas

 

Comentarios