Dous fisterráns detidos por varios roubos con forza por toda a comarca dende outubro

Dous veciños de Fisterra veñen de ser detidos como presuntos autores de varios delitos de roubo con forza na Costa da Morte. Foi o Equipo ROCA de Caraballo, con sede en Vimianzo, o que realizou a operación Ingot, iniciada a principios do mes de outubro do ano pasado, por mor das diversas denuncias interpostas polas vítimas.
O procedemento de varios roubos era semellante: accedeían ao interior de inmobles da súa propiedade, subtraendo xoias, diñeiro en efectivo e outros aveños, provocando gran alarma social na zona. Antes vixiaban as vivendas, a maioría, segundas residencias, para a elección do obxectivo.
A Benemérita identificou aos dous presuntos autores, resultando ser veciños de Fisterra, coñecidos polas forzas de seguridade por ilícitos semellantes, e tamén localizou parte dos efectos subtraídos, os cales foron reintegrados aos seus lexítimos donos.
A Garda Civil procedeu á detención destes dous homes como presuntos autores dun delito continuado de roubo con forza, mantendo a operación aberta ante a posibilidade de que sexan os responsables doutros roubos similares ocorridos en zonas próximas e o obxectivo da recuperación de máis efectos subtraídos