Exitosa presentación da Historia de Galicia de Ramón Marcote no Museo de Pontevedra
No acto, ao que asistiu numeroso público, tomaron a palabra o presidente da Asociación Colón Galego, Eduardo Esteban Meruéndano, quen lembrou a relevancia do fisterrán Ramón Marcote na creación dos Comités Pro-Colón Español na década dos anos vinte do século pasado e reafirmou a vixencia do seu pensamento na sociedade dos nosos días.
O acto resultou moi concorrido e serviu asemade para seguir dando a coñecer os principais referentes culturais da fisterranía.
A continuación fixeron uso da palabra o presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, Ernesto Pedrosa; o alcalde de Fisterra, Luis Insua Lago, quen incidíu na importancia da figura de Marcote e na necesidade de nomealo Fillo Predilecto do municipio para saldar así unha débeda histórica con este ilustre intelectual; Pepe Formoso, presidente da asociación APTCM e xerente do hotel literario Bela Fisterra, quen sorprendeu os asistentes declarando a viva voz (e co público posto en pé) a galeguidade de Cristóbal Colón e, por último, Modesto Fraga, en calidade de director da Biblioteca da fisterranía, para expor, acaso sucintamente, algúns aspectos importantes relacionados coa vida e a obra de Ramón Marcote Miñarzo.