xoves. 28.05.2026
El tiempo

Fisterra acolleu un necesario simulacro de emerxencia por incendio forestal

Simulacro Emerxencias Incendios en Fisterra 2
Fisterra acolleu un necesario simulacro de emerxencia por incendio forestal

Intensa xornada esta mañá en Fisterra. A vila do Cristo acollía un simulacro de emerxencia por incendio forestal con perigo para núcleos de poboación, un exercicio estratéxico no que interviñeron distintos servizos de emerxencia, así como representantes das Forzas e Corpos de Seguridade.

O simulacro de activación do Plan Especial de Protección Civil ante Emerxencias por Incendios Forestais en Galicia (PEIFOGA), nunha situación 2, recreou un suposto incendio forestal iniciado no monte Nave, nas inmediacións de Fonte Sete Pichos, que avanzaba ameazando diversos núcleos de poboación do termo municipal de Fisterra.

O obxectivo principal desta acción de prevención, é comprobar a capacidade de coordinación entre os distintos servizos implicados e os centros de coordinación de emerxencias ante situacións de lume que poidan afectar a persoas, bens e infraestruturas. 

Simulacro Emerxencias Incendios en Fisterra

Simulacro Emerxencias Incendios en Fisterra 3

O exercicio desenvolveuse reproducindo as condicións dun incendio real co obxectivo de poñer a proba os protocolos de actuación e reforzar a coordinación entre os distintos organismos implicados.

O simulacro comezou ás 8:45 horas coa recepción dun aviso por un incendio forestal nunha paraxe do Monte Nave, no concello de Fisterra, nas proximidades de Fonte Sete Pichos. Segundo o escenario previsto, o forte vento de compoñente noroeste favoreceu a rápida propagación das lapas cara ao núcleo de San Martiño de Duio, obrigando a incrementar progresivamente o nivel de resposta.

Así, arredor das 10:00 horas declarouse a situación 1 do PEIFOGA, debido á afección leve a bens de natureza non forestal. A evolución desfavorable do incendio fixo necesaria a declaración da situación 2 ás 10:30 horas, nivel que se activa cando existe unha grave ameaza para bens non forestais e resulta preciso adoptar medidas de protección para a poboación.

As tarefas de extinción e protección civil prolongáronse ata as 13:00 horas, momento no que se comunicou que xa non existían núcleos de poboación ameazados e que o incendio quedaba controlado.

Simulacro Emerxencias Incendios en Fisterra-Bombeiros-Foto-Xusto
Protección Civil e Bombeiros tamén participaron. Foto-Xusto Gómez

 

Comentarios