Fisterra e a casa sen vender
O boom urbanístico dos 90, que aquí chegou tarde, como todo, aínda ten as súas consecuencias. A mágoa de ver zonas como a Anchoa ou Quenxe urbanizadas ao máis puro estilo marbellí aumenta ao vermos que boa parte dos pisos están en venta ou aluguer.
As persianas baixadas demostran que seguen a ser zonas sen vida, alomenos, 11 meses ao ano. Se cadra agora en agosto moitos deses pisos pantasma están ocupados, pero por pouco tempo e por prezos que multiplican por 5 e ata por 10 o seu valor durante o inverno. Compensa alicatar así a Costa por un mes de ocupación?
Fisterra encabeza a clasificación de casas sen vender
Analizando un recente estudio da Asociación Provincial de Promotores Inmobiliarios de A Coruña (Aproinco), podemos ver que Fisterra encabeza a desafortunada clasificación do Concello da provincia con maior número de vivendas novas sen vender. Fisterra está destacadísima con 65 vivendas sen vender por cada 1.000 habitantes.
Por detrás, e lamentablemente, tamén atopamos outra vila da Costa da Morte. Malpica é a segunda da táboa, pero con 32 vivendas sen vender por cada 1.000 habitantes.
Ambas están moi por riba da media provincial, de 11, e de cidades como Santiago, con 4 vivendas sen vender por cada mil habitantes.
Novas relacionadas
- Fotodesfeita: A ladrillo vista en Fisterra.
- Denuncian que a reclamación dunha promotora pode levar á ruína ao Concello de Fisterra.
- Novas denuncias contra o Concello de Fisterra en materia urbanística.
- Piden explicacións sobre a legalización do edificio de Galivivienda.
- Unha sobre fusión: 8 Novos Concellos formarían a Costa da Morte.
- Feismo de vangarda.