luns. 25.05.2026
El tiempo

Fisterra lembra a emigración cunha simbólica escultura

Monumento Emigrante Fisterra
Fisterra lembra a emigración cunha simbólica escultura

Emotiva a homenaxe que Fisterra rendeu este pasado venres á emigración. Inaugurouse no Porto de Fisterra unha escultura inspirada na emblemática fotografía O home e o neno, de Manuel Ferrol, convertida nun símbolo universal da emigración galega e da dor silenciosa das familias separadas. 

Durante o acto tivemos tamén unha lembranza especial para as mulleres emigrantes, da boca da Concelleira de Cultura Susana Rodríguez, cun poema da nosa veciña Branca Vilela, tantas veces silenciadas, pero fundamentais na construción da memoria colectiva da nosa terra; mulleres que viviron entre dúas patrias, entre dúas saudades, levando Galicia sempre no corazón. A Concelleira tamén lembrou a Modesto Fraga que non puido estar por motivos laborais.

O alcalde de Fisterra, Luis Insua Lago, destacou na súa intervención polas súas emotivas palabras e polo compromiso de seguir mantendo viva a memoria de quen construíu, desde lonxe e desde preto, a historia desta terra.
Fixo un recoñecemento moi especial para a familia protagonista desta obra tan simbólica, pola súa xenerosidade, disposición e implicación desde o primeiro momento, facendo posible que este símbolo sexa xa parte da memoria viva de Fisterra.
Ademais felicitou aos concelleiros Manuel Canosa, José Traba e Jennifer Suárez pola súa implicación neste acto e, en especial, á concelleira de Cultura, Susana Rodríguez, e á técnica de Cultura, Silvia Sar, polo "enorme traballo, dedicación e agarimo postos na organización dun acto tan especial para o noso concello".

A xornada completouse coa música de Irma Macías e Luis Pinto.

A historia dunha imaxe

Aquel 27 de novembro de 1957 era un día máis nos que centos de galegos tiñan que deixar o noso país pola falta de oportunidades. Pero aquí día quedará na historia da emigración galega porque estaba Manuel Ferrol para retratar a dor das despedidas.

Fillo do fareiro do Faro Vilán, nace no propio Faro en 1923, e non é ata a adolescencia cando se despraza a Coruña. para comezar os seus estudos de Enxeñaría Náutica, unha carreira que abandona para dedicarse de cheo á fotografía. 

Comentarios