Venres. 26.04.2024
El tiempo

Fran Contreras presenta na Costa a Guía Máxica do Camiño, “un caderno de campo para non ser un peregrino máis”

Fran Contreras coa Guia Magica del Camino
Fran Contreras presenta na Costa a Guía Máxica do Camiño, “un caderno de campo para non ser un peregrino máis”

Recén chegado de facer o Camiño do Mar, a única e pouca coñecida ruta marítimo-fluvial de todos os Camiños de/e/a Santiago a bordo da “Barca do Peregrino”, Fran Contreras xa está na Costa da Morte para achegar o seu libro “Guía Máxica do Camiño”. Este peregrino, e hospitaleiro itinerante axudando en albergues de toda a península, chega á comarca a través de Solpor, para promocionar a súa guía, por suposto, pero tamén para devolverlle ao Camiño todo o que lle ten dado.

Realizará dúas presentacións esta fin de semana na comarca, comezando hoxe venres 8 de abril ás 19:00h na Capela do Pilar de Corcubión (onde ademais hai unha interesante exposición de maquetas de barcos), e continuando o sábado 9 de abril no Hotel O Semáforo de Fisterra, ás 19:00h, acompañado por Jesús Picallo (Presidente de Solpor e Vicepresidente do Cluster de Turismo de Galicia).

guia magica del camino en Corcubion e Fisterra

”Quero axudar ao Camiño a recuperarse, porque hai que lembrar que o Camiño o pasou moi mal estes anos, na única vez en toda a historia que se cortou o Camiño en Europa. Nin a peste nin as guerras conseguiran nunca parar o Camiño, e esta pandemia pechou os albergues e mandou os peregrinos de todo o mundo ás súas casas”, reflexiona.

Así, con esta guía pretende “recuperar os valores e o sentido común para descubrir a ruta peregrina máis importante do mundo, porque se non o Camiño morirá de éxito”.

Unha Guía na que “van econtrar a información que non hai en ningunha outra”, produto dos 12 Camiños que ten percorrido dende 2004, e na que se recolle “non só a información básica (etapas, km, albergues, lugares de paradas e fonda…), senón tamén as claves que fan que o Camiño sexa moito máis que unha simple ruta”, explica.

A Guía conta a “historia e protohistoria do Camiño de Santiago, todas as súas etapas, a claves que os converten na ruta máis importante do século XXI, a súa arquitectura, e a súa vinculación coa súa orde de caballería relixiosa que son os templarios. A partir de aí tamén traemos información de pequenas aldeas… E sobre todo, o que fun aputando nas miñas libretas de viaxe, os segredos, as claves ocultas, as lendas…”

Tráeo ata a fin da terra, precisamente porque considera o “Ara Solis como o verdadeiro final do Camiño, lembrando o culto ao sol”, e ten moitas gañas de pasar pola “última e pouco coñecida Porta Santa”, e o Cristo da Barba Dorada.

Así que se queredes coñecer este “caderno de campo para intentar non ser un peregrino máis”, cando fagades o Camiño, pasade a coñecelo.

Outras novas do Camiño

Comentarios