Reiteran a necesidade de facer unha nova Estación de Bus en Fisterra
Non decae no seu empeño de meter presión a Asociación Costa da Morte de Fisterra para que o Concello de Fisterra se implique na construción dunha nova Estación de Autobuses.
Parece que todo o mundo ten claro que a actual ubicación é “totalmente inadecuada polo perigo de atropelo que se xera para os usuarios dese transporte público ao ter que invadir a calzada para subir aos autobuses ou para colocar as equipaxes no maleteiro dos mesmos; por ser un obstáculo á circulación de vehículos que van ou saen da zona portuaria, xa que é o principal vial de acceso ao porto, ao que hai que engadir que é o único por onde poden circular vehículos de gran tonelaxe para servizo das instalacións portuarias”.
Pero a nova ubicación depende de moitas variables, como ten repetido cada grupo de goberno. Se ben o novo formado por Alternativa dos Veciños xa ten mantido reunións coa Consellería de Infraestruturas, dende a entidade veciñal piden ao concello que faga “correspondente cualificación do chan no PXOU e a compra do terreo adecuado para esa infraestrutura necesaria para o transporte público e que cada día é máis demandada”.
A entidade pide tamén o asfaltado urxente da rúa Federico Ávila (é a vía que dá acceso ao porto de Fisterra) polo mal estado no que se atopa e pola mala imaxe que dá aos veciños e alleos.