Un premio para os cibermentores doadores de Fisterra

Visita da Xunta ao IES Fin do Camiño para render homenaxe aos alumnos da campaña #FisterraDoa

Merecen este recoñecemento e moitos máis. Os alumnos do IES Fin do Camiño de Fisterra recibían esta mañá a visita do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, que quixo recoñecer o traballo realizado ca campaña #FisterraDoa, esa fantástica campaña de sensibilización e captación de doadores, que supuxo todo un exemplo de creatividade e solidariedade e que conseguiu toda unha marca de doazóns na visita da unidade móbil: 49 efectivas de 63 intentonas.

"Para que vexades o que implica esta cifra", -dixo o conselleiro no acto-, "grazas a estas doazóns poderanse realizar 25 intervencións cirúrxicas, ou 5 transplantes de fígado, e transfundir plaquetas a 10 enfermos de cancro". Este agradecemento o conselleiro o fixo extensivo tamén aos docentes que animaron aos alumnos e os apoiaron nesta iniciativa, o que resultou todo un exemplo de carácter comprometido e solidario. O agradecemento do conselleiro tamén foi, naturalmente, para os doantes de Fisterra.

Na celebración de hoxe, que tivo lugar na Biblioteca do centro educativo coa presenza do grupo de alumnas e alumnos merecedores do recoñecemento, proxectouse un vídeo da iniciativa, e o conselleiro fíxolles entrega dun agasallo ao Instituto, que recolleu a directora do centro, Virginia Rodríguez.

Novas relacionadas

Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)