Venres. 26.04.2024
El tiempo

1ª Galicia: Só o Xallas suma

Processed with VSCO with  preset
Capelo foi o autor do tanto da vitoria do Xallas
1ª Galicia: Só o Xallas suma

Xornada marcada polo derbi entre Xallas e Dumbría. Chegaban os de Pablo Conde a Fontenla un punto por riba dos xalleiros e en postos de promoción. E acaba a xornada, tralo 2-1, co cadro de Adrián Vázquez 2 puntos por riba e ocupando esa privilexiada 4ª praza que daría acceso ao play off.

Foi un choque tremendamente igualado, bonito, de cara a cara. Os primeiros 25 minutos cun Xallas máis dominador, que se adiantaba por medio de Brais. A partir de aí o Dumbría fíxose co medio campo e conseguiu empatar antes do descanso cun tanto de Estévez. Puido meterse por diante pero chegou o descanso.
Comezou a segunda metade cunha loita de poder a poder por ter a posesión, con chegadas nas dúas áreas, pero o tanto non chegaba. E cando parecía que o choque se marchaba com empate, unha xogada a balón parado entre Colón e Capelo acababa co tanto do segundo para darlle esta importantísima vitoria ao cadro verde.

Partidos por derrotas

O resto foron derrotas dos nosos.

Xusto por detrás de xalleiros e dumbrieses, non puido o Soneira co poderoso Negreira. O cadro de Pedro Gómez, con moitas baixas, ve alonxarse o tren da promoción (malia que apenas ten 4 puntos máis o Xallas) tras caer 1-4 na casa ante o cadro nicrariense. Claves foron os dous primeiros tantos dos visitantes, nada máis comezar e no m.44. Antes tivera Darío o empate nun remate de cabeza ao traveseiro. Reaccionou na segunda o Soneira, e recurtou por medio de Borja Gándara. Basti tivo o empate pero se lle escapou o control cando se prantaba só diante do porteiro visitante. E cando mellor estaban os soneiráns, chegou a sentenza, á contra dos visitantes.

Na zona baixa, duras derrotas de Esteirana, Mazaricos e Baio, que os colocan preto do abismo, e practicamente loitando entre eles para non caer na praza de descenso directo que queda pendente (Silleda e Vista Alegre teñen pé e medio na 2ª) e o máis que seguro arrastre provocado polo Fisterra.

O Esteirana suma 24 puntos tras caer ante un bo Puebla.

O Mazaricos ten 23 tras sufrir unha durísima goleada ante o Agolada. Tivo Marcos Domínguez no seu segundo partido, problemas para comezar o choque por problemas nalgún xogador que non dou chegado a tempo, o que provocou un cambio de sistema. E non puideron os amarelos manter o bloque alto, a presión alta. Os locais adiantáronse pronto, pero Kevin empataba nun golazo. O partido estaba igualado pero o Agolada gañaba cada segunda xogada, creando moito perigo e marchando 1-4 ao descanso. Tiveron a reacción pero fisicamente o cadro amarelo foi cedendo ata sufrir unha goleada das que doen.

E con 20, en postos de descenso directo, tampouco sumou o Baio, ante o Tordoia, nunha final, nun duelo directo. Foi un partido igualado, cos dous equipos, tanto o de Félix como o de Nando Muíño, moi pendentes de non cometer erros, con moitas interrupcións e poucas ocasións. O choque tivo un nome propio, ben coñecido pola parroquia costeira: Denis, que marcou a diferencia con dúas xenialidades que dán vida ao equipo aurinegro, que anulou no treito final o tanto que igualaba o partido de Iván Rod.

As táboas en www.futboldacosta.com

Comentarios