Mércores. 24.04.2024
El tiempo

1ª Galicia: O Volantes suma a súa primeira vitoria tras golear ao Corme

Volantes - Corme
Volantes - Corme
1ª Galicia: O Volantes suma a súa primeira vitoria tras golear ao Corme

Volantes 4 – 0 Corme

Volantes: Álex de Yi; Godo (Tico, 78’), Santi, David Pais, Oscarín; Miguel da Corocha (Pablo, 81’), Pardelo; Toni, Pesco (Cajulo, 73’), Manoliño (Álex, 46’); Kike Paluca.

Corme: Jose; Jesús, Adrián (Noel, 23’), Aitor; Brais Torrado (Sueiro, 46’); Eloy, Borja Torrado (Samuel, 46’), Lucas; Doldán, Dieguito (Ángel, 73’) e Alejo.

Goles: 1-0, 12’: Toni / 2-0, 36’: Kike Paluca  / 3-0, 44’: Godo / 4-0, 82’: Toni.

Mal comezo de liga o dun Corme que vén de recibir sete goles nas dúas últimas xornadas, nas que ademais non foi quen de marcar. E iso que nesta xornada volvía Alejo, que de seguro vai ser unha peza fundamental no cadro de Ángel. Pola súa banda, o Volantes saíu consciente da necesidade de sumar que tiñan na casa e así o amosaron dende o inicio do partido, presionando a saída dos visitantes e bombardeando a súa área. Nunha desas, Toni fixo o  primeiro, que provocou unha tímida reacción do Corme, que deu un pasiño arriba.

Pero os dous goles en oito minutos dos locais para pechar a primeira metade deixaron practicamente sentenciado o encontro. Sen nada que perder, os visitantes saíron a por todas nos primeiros minutos do segundo acto, incomodando a un Volantes que mellorou en defensa con respecto a outros partidos. Aínda así, o encontro ben podía rematar cun 6-3, pola cantidade de ocasións erradas. Ao final, outra vez Toni, facía o seu cuarto gol en liga.

Baio 1 – 1 Negreira

Baio: Diego, Peke, Yago (Ceide, 63’), Alex Varela, Braian; Norberto, Bieito, Rubio (Hugo Blanco, 80’), Porty; Paco e MC.

Goles: 1-0, 22’: Paco / 1-1, 35’: Piki.

Moi boa actuación do Baio ante o gran favorito deste grupo da Primeira, que chegaba ao Platas Reinoso con oito goles a favor e so un en contra nas dúas primeiras xornadas. Os de Pablo Torreira entraron moi ben no encontro celebrado na mañá do domingo, cunha gran solidariedade defensiva e sabendo moi ben como facer dano aos visitantes. O Negreira tivo un disparo ao pau no 15’, pero pronto chegaba o gol de Paco despois dunha xogada que comezaba cun pase ao espazo de Bieito para MC, que a deixaba atrás para que o veterano dianteiro a mandase á rede.

O gol en contra mellorou ao Negreira, que empatou no 35’ e que dominou no tramo final da primeira metade e no comezo da segunda, tendo varias ocasións para adiantarse. Ocasións desbaratadas por un Diego descomunal. Non obstante, os locais tiveron a máis clara do segundo tempo nunha xogada combinativa que remataba nun gran disparo de Paco. Ao final, un empate xusto e que amosa o potencial deste Baio.

Ponteceso 2 – 2 Dumbría

Ponteceso: Brais; Isaac, Luca, Pablo, Isma; Eloy (Moscoso, 61’), Mendi, Alberto, Charro (Eloy Álvarez, 68’); Puente e Mara.

Dumbría: Jorge; Codesal, Pablo Paz, Gusa, Mataso; Brais, Baba; Darío, Álex Sendón (Xacobe, 15’), Mario (Kanario, 65’); Yuyo (Jose Marcote, 68’).

Goles: 0-1, 31’: Darío / 1-1, 44’: Isaac / 2-1, 60’: Pablo Paz / 2-2, 71’: Mara.

Dumbría Ponteceso

Marcou os primeiros goles e sacou o seu primeiro punto da tempada o Ponteceso, que pode que incluso merecera máis nun encontro no que comezou e rematou mellor que un Dumbría con baixas que soubo sacar rendemento das xogadas a balón parado. De feito, nun dos peores momentos dos visitantes no encontro, Darío facía o primeiro nunha falta directa e estaba a piques de facer o segundo da mesma maneira, pero atopou o pau antes de que Isaac fixese xustiza igualando o marcador antes do descanso.

O paso por vestiarios espertou ao Dumbría, que arrollou ao Ponteceso durante os quince primeiros minutos, xusto ata o gol de Pablo Paz, que rematou unha falta lateral moi protestada polos locais e mal defendida. Aínda así, cos malos resultados ás costas e con trinta minutos por diante, o Ponteceso ergueu a cabeza e foi a polo partido, conseguindo empatar pronto grazas ao tanto de Mara, e tendo ata tres ocasións claras para levarse a vitoria.

Belvís 1 -1 Mazaricos

Mazaricos: Iván Baña; Róber (Kevin, 61’), Borja, Pose (Esteban Pereiro, 87’), Oscarin; Ricardo (José Ángel, 87’), Chumiko, Sandelo; Adrián Molinos (Chiki, 66’), Chapela (Brais, 81’) e Rachón.

Goles: 1-0, 53’: Iván / 1-1, 90’: Rachón.

Evidentemente, debe dar por bo o Mazaricos o empate por como chegou, no desconto e de penalti, pero foi un encontro no que os de Diego Gálvez dominaron con certa autoridade e no que se mereceron máis. Os amarelos foron superiores, sobre todo, na primeira parte, onde pese a haber ocasións para ambos, a máis clara chegou nun contragolpe no que Molinos e Chapela se quedaron sos ante o porteiro, e non souberon finalizar a xogada.

Na segunda, o Belvís atopou o gol nada máis saír do vestiario e limitouse entón a incomodar ao Mazaricos e a que non pasasen moitas cousas sobre o terreo de xogo. O conseguiron, porque pese a que os visitantes volveron a dominar, non tiveron grandes ocasións. Pero no último minuto, Rachón era obxecto de penalti e conseguía transformalo para traer un punto de Santiago.

Tordoia 2 – 1 Soneira

Soneira: Javi; Brais Mouzo, Alemán, Agra (Ángel, 11’) , Leilán; Mayor (Dani Casal, 52’), De la Sierra (Jano, 64’), Diego Lois; Maki, Javi (Brais Pereira, 59’) e Basti (Joel, 70’).

Goles: 0-1, 3’: Diego Lois / 1-1, 64’: Seoane / 2-1, 87’: Manu Vázquez.

Visita moi complicada do Soneira a un Tordoia ao que se lle van escapar moi poucos puntos como local grazas a súa enorme experiencia na categoría. E iso que non puido comezar mellor o encontro para os vimianceses, que se adiantaban grazas a un bo gol de Diego Lois tras un disparo dende dentro da área buscando o pau largo. Incluso puido facer o segundo antes do descanso o cadro de Pedro, que a tivo nun disparo ao poste de Brais Mouzo.

Non obstante, as lesións de Agra e Mayor obrigaron a trocos dende cedo e iso notouse nos últimos minutos. O Tordoia, que xa fora mellor no treito final da primeira metade, dominou con claridade durante todo o segundo acto e atopou o empate nun saque de esquina, despois de poñer a proba varias veces a Javi Souto. Tras a igualada, o porteiro suplente, Joel, tivo que substituír por lesión a Basti, mentres que o Tordoia quedaba con dez. Aínda así, no 87’ Manu Vázquez facía un golazo dende unha posición escorada para sentenciar a vitoria antes de que Maki tamén fose expulsado.

Comentarios