Malpica e Muxía protagonistas principais dos Oitavos da Copa da Costa
Disputouse este martes de Entroido o groso da eliminatoria de Oitavos da Copa da Costa 2026. Xa tiñan pasaporte o Castriz, que eliminou ao Xallas o pasado venres, e o Porteño, que fixo o propio co Volantes en Muros este sábado con triplete de Bruno.
Quedaba moita tela que cortar e ao longo do martes houbo algunha sorpresa. Como a que protagonizou o Malpica, o único da eliminatoria que superou a fenda de categoría ao superar 4-1 ao Fisterra nun partido de auténtico sabor copeiro, con gaitas (as de Malante, que tamén tocan en Riazor) e todo.
Os malpicáns terán un fermoso derbi de Cuartos co Corme, que goleou en Louro con tres goles do eterno Lucas.
A piques estivo tamén de superar a un equipo de categoría o Laxe, que recibía ao Zas tras 6 vitorias seguidas en Liga e despois de eliminar ao Baio en Dezaseisavoz. A penaltis tivo que sufrir o cadro zaseiro para eliminar aos de Manu Saleta tras igualar, cun tanto de Fran, o gol inicial de Brais Simal. O Zas visitará ao Porteño nos Cuartos.
A eliminatoria máis potente de Cuartos será que enfronte ao Castriz e ao Muxía. Os de Pataca demostraron o momento incrible no que están goleando tamén ao Camariñas con dous tantos dun estelar Manu Nogueira.
Ademais, non fallou o Sofán no derbi ante o Oza, xogado na casa de ambos, no Carral. Os de Pablo Torreira non gardaron nada e, malia tardar ata case que o descanso en abrir a lata, acabaron vencendo 3-0, cos tantos de Iván Parafita e dous de Joel.
Os carballeses de Preferente visitarán as Redondas, para enfrontarse a un Cabana que protagonizou a goleada da xornada, un 3-7 en Outes difícil de atopar, con dous tripletes de Migueliño, e de Brais Fontenla.