Poucas sorpresas nos Dezaseisavos da Copa da Costa

Ademais dos Cuartos da Copa da Costa Feminina, este xoves 1 de maio disputouse integramente a rolda de Dezaseisavos da LX Cpa da Costa masculina.

Uns Dezaseisavos con poucas sorpresas, destacando a eliminación do San Lorenzo a mans do Cabana, a única eliminatoria na que o equipo de menor categoría se impuxo. Os cabaneses foron superiores e se colocaron con 4-0 á hora de xogo (tantos de Miguel, Simón, Diego e Mario), e só no treito final Baldo e Raúl recurtaron para os carballeses.
O Cabana terá en fronte a todo un Sofán, que pasou sen necesidade de xogar pola renuncia do Volantes (que está sen xente apenas un par de semanas antes de comezar a fase de ascenso). Un Sofán que aínda non sabe se para o 18 de maio preferirá centrarse na Copa ou na Fase de ascenso.
Houbo varias eliminatorias claras, como as vitorias do Castriz en Vimianzo ante o Soneira (0-4 cos goles de Josiño, Carlos Rieiro, Borja Gándara e Iván Pastoriza); 0 0-7 do Dumbría en Laxe (cos tantos Baba (2), Mataso, Xabi Castro (3) e Estévez); o 1-4 do Ponteceso ao Oza (cos tantos de Luca, Mara, e Martín Puente (2) polo gol de Hugo Fraga para os carballeses); 0 1-4 do Fisterra en Lira (cos tantos de Guille, Dani e Isaac Fábregas (2)); o 5-0 do Porteño ao Monte Louro (cos tantos de Yuyo (3), Darío e Pejo); 0 1-4 do Cee no derbi ao Inte de Brens, cos tantos de Anxo e Eze (3); o 1-5 da Esteirana ante o Pereiriña (cos tantos de Damián, Pladur (2), Code e Bieito); ou o 0-9 do Muxía en Xaviña ante o Buño (cos tantos de Manu Martínez, Manu Nogueira, Carlos Costa (2), Víctor Alcaina (2), Fabián (2) e un en propia).

Compre sinalar que o 6-2 do Xallas ao Muros (co Muros de loito polo pasamento nun accidente do curmán do capitán, Javi Pelos) en Fontenla non foi tan claro ata o treito final. Os xalleiros venceron cos tantos de Doro (2), Macareno (2), Adrián e Sergio Babeira, pero no m.65, os tantos de Dani Jurjo e Álvaro conseguían empatar o partido, e só nos últimos 20 moinutos os xalleiros decidían o choque.
Máis complicado aínda o tivo o Baio para superar a un gran Malpica (2-3). Os baieses colocábanse 0-3 na primeira metade, cos goles de Morberto, MC e Aitor Vilas, pero os malpicáns reaccionar cun tanto en propia antes do descanso. Aday recurtaba de penalti no m.73 deixando o partido aberto ata o remate.
Outro que non o tivo sinxelo foi o actual campión da Liga da Costa (1-2). O Camariñas, con moitas baixas (faltaban os que están traballando na anchoa no País Vasco, os Soule, Javi, Djibril, Manuel; ademais de Pablo Novo e Roi, atopouse cun serio Cerqueda. O protagonista do partido foi Nuno Cambeiro. O xogador, aínda en idade cadete, adiantaba moi pronto aos camariñáns pero Salah empataba de contado. Volveu ser Nuno o que decidia a eliminatoria no m.61, sen poder sentenciar ata o final.
O Coristanco tamén sufriu para eliminar ao Pereiriña (0-1). Un solitario gol de Alex Iglesias deu o pase aos verdes, que se enfrontarán á Esteirana.
Nesa mesma parte do cadro, o Outes superaba ao Baiñas en Vimianzo por un apretado 0-2, con dous tantos de Keko.
Pero o partidazo da xornada foi o Corcubión - Mazaricos, que rematou cun impresionante 3-4 para os amarelos, que recibirán ao Muxía nos Oitavos.
Foi un choque trepidante, que comezaba con goles moi tempraneiros, en sendos córners, un rematado por Fuentes para os locais e outro por Borja para os visitantes, cando aínda non se cumplira o m.8: Samu Rama marcaba ao cuarto de hora, peroi Luís Mayán empataba á media hora cunha fermosa volea. Antes do descanso Samu Rama adiantaba, por terceira vez, aos locais, cunha fermosa vaselina. Pero a temporada se lle está facendo longa aos branquiazuis que na segunda decaeron ante un Mazaricos que foi medrando. Chumico empataba de novo moi pronto cun bo tiro dende fóra da área, que peta no pau e entra. Pasaban os minutos, co Mazaricos mellor, máis enteiros a pesar de ter só 12 xogadores na convocatoria. Tívoa o Corcubión, pero o tanto de cabeza de Iago Lema a 5 do final foi anulado por fóra de xogo. Foi xa no 90 cando Molinos fixo xustiza ao visto na segunda metade, nunha xogada na que os corcubioneses pedían fóra de xogo.