Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Preferente: Con Julián, ao fin do mundo

Tremendo ambiente no Arasolis para vivir un derbi moi igualado no primeiro tempo e que se decantou para os locais grazas a un xenial Julián, que con tres goles guiou á SD Fisterra cara o liderato en solitario desta preferente.

Julián - SD FIsterra
Julián - SD FIsterra
Preferente: Con Julián, ao fin do mundo

Fisterra 4 – 0 Xallas

SD Fisterra: Bouzi; Cristian, Breixo, Aarón Muros, Pablo Vigo; Cea (Andrés, 77’), Dani (Vía Rápida, 46’), Diego Cespón (Lobelos, 73’); Julián, Richi (Ezequiel, 65’) e Diego Estévez (Adri Makaay, 73’).

Xallas: Álvaro; Xan, Caneda, Julito, Aitor; Diego (Borja Gándara, 72’), Josito, Doro (Luis, 83’); Stefan (Adri López, 83’), Juan de Selia (Carlos Rieiro, 46’) e Adán (Adri Rodríguez, 72’).

Goles: 1-0, 46’: Julián / 2-0, 50’: Julián / 3-0, 74’: Lobelos / 4-0, 77’: Julián.

Había moitas gañas de desfrutar do primeiro encontro con rivalidade e tradición costeira desta tempada e o ambiente presente no Arasolis así o manifestou, con máis de 300 afeccionados. Un choque, que como tódolos derbis, necesitou dun tempo para que uns e outros medisen as súas forzas e analizasen ben por onde meterlle man ao rival. Unha situación a que pareceu adaptarse mellor o Xallas grazas a aparicións puntuais de Josito e Doro.

Para contrarrestar, aos quince minutos Purrúa decidiu cambiar o sistema e mandou a Dani para a banda na que estaba Julian, colocando ao goleador de onte na súa posición máis natural. A partir de aí, melloraron os locais, que encadearon tres ocasións seguidas nos pés de Diego Estévez, Cespón e Dani. Pero o gol non chegou, e a partir do 30’ o Xallas volveu a tomar un control que só materializou en disparos moi afastados.

Tras o paso por vestiarios, Purrúa volveu a tocar a tecla indicada metendo a Vía, que na súa primeira intervención intentou unha xogada por banda que acabou nos pés de Cespón para que este a levantara por riba da defensa e encontrara a Julián, que rematou de vaselina un fermoso tanto que lle deu ás ao Fisterra. Ás, que aproveitou Diego Estévez para chegar a un despexe de Aarón apurando a liña de fondo e regalarlle o segundo da tarde a Julián, que empurrou á rede dende o primeiro pau.

O inmellorable comezo local afundiu ao Xallas, que non foi quen de cortar o ritmo que lle puxo ao encontro a medular do Fisterra, con Vía e Diego aproveitando moi ben os espazos. Álvaro impediu o terceiro en dúas ocasións ante Julián e Cespón, pero nada puido facer ante o remate de Lobelos, que sentenciou o partido un minuto despois de entrar no terreo de xogo e tres antes de que Julián culminase o seu hattrick logo dunha gran xogada individual na que regateou a dous rivais antes de colocala na escuadra cun forte disparo cruzado.

Un 4-0 que, quizais, non xustifica a vista xeral do encontro, pero si unha segunda metade na que Julián comandou ao mellor Fisterra da tempada. Un Fisterra que, ademais, segue sen encaixar, e xa van tres xornadas. Xa líderes en solitario, visitarán agora ao Pino, que tamén comezou ben. Pola súa banda, o Xallas xogará o martes ante o Estudiantil o encontro correspondente á primeira xornada e recibirá ao Boiro na Fontenla.

Comentarios