#PreviaQPC Tres derbis por Samaín
Chega a primeira fin de semana de outubro cun parón na preferente e na primeira, que alixeira un pouco a completa carga de partidos que temos dende o domingo pasado. Ademais, descansa o Sofán na 3ª RFEF, aínda que xogará un amigable ante o Paiosaco para non perder a dinámica e conseguir corrixir erros. Na liga da Costa esperan dous derbis ben especiais.
LIGA DA COSTA
Queda toda a xornada da Liga da Costa para o domingo de Samaín, con partidos moi igualados e con dous atractivos derbis que terán lugar no subgrupo A, no que descansa o Lira e que se abrirá co Baiñas – Cee (Domingo, 16:30 – Municipal de Vimianzo), no que os soneiráns buscarán os seus primeiros puntos ante un Cee eufórico tras a súa agónica vitoria. O mesmo intentará o Monte Louro contra un Outes que deu a sorpresa na primeira xornada ((Domingo, 17:00 – Xosé Luis Vara). En canto aos derbis, xogaranse a mesma hora o Esteirana – Muros (Domingo, 17:00 – Xosé Luis Vara) e o Camariñas – Muxía (Domingo, 17:00 – Hermanas Patiño). No primeiro, enfróntase dous equipos que queren seguir no máis alto da táboa, mentres que no segundo mídense dous conxuntos en busca da súa primeira vitoria.
No subgrupo B, Castriz e Cerqueda (Domingo, 17:00 – San Pedro) protagonizarán o encontro máis atractivo da xornada no debut en casa dun dos claros favoritos a estar arriba. Outro coas mesmas aspiracións, o Coristanco de Juni, recibe ao Sp Zas (Domingo, 16:30 – A Rocheira). O Buño de Adrián Lema estréase na casa ante o potente San Lorenzo (Domingo, 12:00 – Xaviña) e o Malpica debuta, tras descansar, contra un Nantón que vén de ser goleado (Domingo, 18:00 – Pedra Queimada).
TERCEIRA
Segunda xornada tamén en terceira, que se volve a xogar, na súa maioría, a tarde do sábado, con tres encontros ás cinco da tarde. Corcubión e Pereiriña avaliarán os seus bos inicios na casa, ante Xallas B (Sábado, 17:00 – Novo Cubeleiro) e Camelle (Sábado, 17:00 – Sampaio de refoxos) respectivamente. Xa para o domingo queda o Ameixenda – Castrelo (Domingo, 16:30 – Sampaio de refoxos), no que ambos buscarán a primeira vitoria, e o debut da Oza como local, que será no fermoso Carral de Sofán. Os de Adrián Varela enfróntanse a un Porteño (Domingo, 17:00 – O Carral) que é líder despois de golear a semana pasada.
FUTFEM
Ao igual que o Sofán, tócalle descansar ao Bergantiños na Primeira Galega e As Miúdas na Segunda, na que volveremos a ter derbi cun Xallas – Cerqueda (Sábado, 18:00 – A Fontenla) no que ambos buscarán a súa segunda vitoria do curso para asinar un inicio inmellorable dos seus proxectos. Para o luns queda o debut do Cee, que descansou a semana pasada e que se medirá ao Cacheiras (Luns, 11:30 – Sampaio de refoxos) como un dos favoritos da categoría.
FUTSAL
Na preferente masculina, o Villa de Cee, que saíu con vitoria pero con varias molestias de Sarria, recibe ao Agolada (Domingo, 19:00 – Pavillón Municipal de Cee), que buscará a súa primeira vitoria logo de comezar perdendo na casa. Pola súa banda, na preferente feminina, o Fisober intentará cortar a súa mala xeira de tres derrotas consecutivas ante o Begonte (Domingo, 12:30 – O Conco), que marcha agora mesmo dous puntos por riba das dumbriesas na clasificación.
VOLEY
Mala xeira que intentará deter tamén o Volei Dumbría, que xoga a domicilio por segunda semana consecutiva. Esta vez viaxa a Palencia (Sábado, 16:30) para enfrontarse a un equipo que aínda non sabe o que é sumar, xa que caeu 1-3 ambos encontros.