O solsticio do fútbol. O Brasil de 1970

Hai máis de 50 anos, o fútbol, deporte máximo, chegou ó seu momento máximo. Foi no IX Campionato do Mundo, o primeiro mundial organizado polo México, onde xogou, e gañou, o mellor equipo de tódolos tempos, o Brasil de 1970.

Esta selección verdeamarela trocou un 9 por cinco 10 e uniu así no jogo bonito a beleza e a eficacia para gañar non só a Copa do Mundo, senón tódolos partidos do mundial e tamén tódolos da fase previa, 12 en total. Nunca antes se vira nada igual, nin despois se volveu ver. Din que o fútbol fora inventado para que alguén o xogase así.

A propósito, no partido que pechaba a fase previa, xogado en agosto de 1969, rexistrouse a maior asistencia de público no Maracaná, máis de 180 mil persoas para ve-lo último partido de Pelé no Brasil coa seleção en competición oficial. Porque, aínda que sempre se di que no dramático partido definitivo do campionato de 1950 entre o Brasil e o Uruguai acudiran 200 mil, e seguramente fose certo, o dato rexistrado oficialmente daquela foi de 173 mil persoas con entrada. De tódolos xeitos, o récord mundial histórico vén de 1923 en Londres, cando, contan as crónicas, unhas 250 mil persoas, e un cabalo branco, conseguiran entrar e amorearse caoticamente na inauguración do Wembley, e outras tantas ficaron fóra. Volvendo ó partido de 1969, o Brasil gañou ó Paraguai por 1-0, gol de Pelé, e poñía así rumbo definitivo cara ó México, cos 6 partidos xogados nesa fase previa gañados, 23 goles a favor e 2 en contra.

Antes e despois deste Brasil mexicano houbo outros equipos de lenda: o Uruguai dos anos 20, a Hungría dos 50, o Real Madrid de Di Stéfano nos 50 tamén, o propio Brasil gañador de 1958 e perdedor de 1982, o Ajax e a Holanda de Cruyff nos 70, o Milan dos 90, o Barcelona e a España de primeiros do século XXI... mais para compararmos todos estes equipos, tódolos grandes equipos de fútbol, a referencia con que os medimos sempre é o Brasil imborrábel de 1970.

Este mundial do México foi o primeiro que se televisou en cor e é lembrado coma unha festa. Unha festa de luz, cor e calor a ritmo de rancheiras e samba. Nel houbo novidades importantes, entre elas a posibilidade de facer substitucións de xogadores, dúas como máximo, que antes non se permitían agás no caso de o porteiro se lesionar; e os cartóns, que comezaron con éxito, pois non se viu vermello ningún, só amarelos nisto tamén. Tamén rodou un novo tipo de balón máis moderno, o dos pentágonos negros, tan moderno que ficou como a imaxe icónica deste deporte.

O mundial de 1970 arrancou 31 de maio cun encontro sen goles entre o México e a Unión Soviética. O Brasil xogaría 6 partidos no México, os 5 primeiros en Guadalaxara, no estadio, e estado, de Xalisco, e a final no Azteca da capital da república.

O debut dos brasileiros foi 3 de xuño contra a Checoslovaquia, que marcaría primeiro antes de recibir catro goles dos amarelos. Mais o que máis se lembra deste partido é unha xogada que non rematou en gol. Pelé colleu o balón aínda no campo propio e de repente, dende aí mesmo, disparou. Como conta José Luis Garci, ó ver pola televisión desaparece-la pelota pensou que Pelé virara tolo, ata que o seguinte en xurdir foi Viktor, o porteiro checoslovaco, quen corría desesperado cara a atrás e o balón volvía aparecer xunto á súa portaría. Saíu pegado ó poste e, malia que despois moitos xogadores tentaron imitalo, e algúns mesmo conseguirían marcar, aquela de 1970 foi a primeira vez que se vía algo así.

O seguinte rival dos amarelos foi a aínda campioa do mundo, a Inglaterra. O Brasil gañou nun gran partido cun gol do sucesor de Garrincha, Jairzinho, quen marcaría en tódolos encontros. Mais, de novo, o máis lembrado é outra xogada, unha parada monumental, hoxe diriamos brutal, do gardameta inglés Banks que obrigou a muda-lo adxectivo a un remate de cabeza imparábel de Pelé. É recordada como a parada do século.

A última selección derrotada polo Brasil na primeira fase foi a Romanía, que marcaría dous goles mais recibiría outros dous de Pelé e o consabido de Jairzinho.

O Brasil pasou así co máximo de puntos para os cuartos de final, onde se enfrontou ó Perú, outro equipo moi ofensivo. O resultado foi un partido espectacular entre dous equipos espectaculares no cal gañou o máis espectacular por 4 a 2.

Nos outros partidos dos cuartos, a Italia gañou ó México e botou o equipo da casa para a casa; a Alemaña eliminou na prórroga a Inglaterra, que así se despedía do seu título ata nunca xamais; e o Uruguai deixou fóra, tamén con prórroga, a URSS, que tiña cen veces máis xente mais xa non Yashin na portaría.

Na semifinal, coa arbitraxe do logo coñecido como o árbitro da moviola, antepasado, pois, do VAR, os brasileiros terían que xogar, e loitar, contra os uruguaios, coa lembranza do maracanazo de 20 anos antes cando Ghiggia marcara ante 200 mil persoas (ou 173 mil, tanto fai) o gol máis devastador da historia e afundira todo o Brasil nunha xigantesca depresión. Agora parecía que podía pasar algo semellante, pois durante moito tempo foi por diante o Uruguai, mais este Brasil era imbatíbel e rematou gañando por 3 a 1 e, xa que logo, vingando o 1950. Mário Américo, o masaxista no Río de Xaneiro e en Guadalaxara, viviuno dun xeito particular. E outra vez o que máis perdura na imaxinación popular non é ningún gol, senón unha fantasía de Pelé despois dun pase de Tostão coa cal, sen toca-lo balón, fixo que o porteiro Mazurkiewicz ficase tan abraiado que nunca máis chegaría a descubrir onde estaba a pelota e onde Pelé.

A outra semifinal, entre a Italia e a Alemaña, é considerada por moita xente o partido máis emocionante do século XX. Despois dunha prórroga de vertixe na cal Beckenbauer xogou cunha estribeira no brazo, a Italia gañou por 4 a 3 e sería, pois, a rival do Brasil na final. A RFA ficaría no terceiro lugar do campionato e o seu dianteiro Gerd Müller sería o goleador máximo con 10 goles. A columna vertebral dese equipo, Maier - Beckenbauer - Müller, daríalles máis adiante moitos triunfos á Alemaña e ó Bayern de Múnic.

Este campionato de estrelas e sol chegaría ó seu solsticio 21 de xuño, domingo como non,  co partido decisivo, Brasil - Italia, diante de máis de cen mil persoas no impresionante Azteca cheo, tamén, de rótulos de Cinzano e Martini.

Comezou marcando o Brasil con outro remate de cabeza imparábel de Pelé, mais agora o adxectivo permaneceu, pois non estaba Banks de gardameta. O defensa italiano Burgnich lembraría que saltaron xuntos, mais cando el aterrou Pelé aínda ficaba voando. Despois, un pase co calcañar na defensa brasileira sería cortado e aproveitado pola Italia para empata-lo partido: 1-1 no descanso. Mais na segunda parte o Brasil volveu ser unha apisoadora e rematou o festival con tres goles máis.

O último, que pechaba o mundial, é lembrado como a mellor xogada colectiva da historia do fútbol. Despois de fintas de fantasía e pases de precisión por case tódolos xogadores do equipo, Pelé, rodeado de italianos, regalou o balón ó capitán Carlos Alberto para que marcase. Maradona faría a súa famosa xogada contra a Inglaterra, lembrada como a mellor individual, xusto no mesmo lugar, un día despois do solsticio, domingo como non, 16 anos despois.

Cantona chegou a dicir que nunca atopará diferenza entre ese pase de Pelé e a poesía de Rimbaud. Tanto un coma outra conseguen crear luz na escuridade.

4-1 na final, 6 partidos xogados, 6 gañados, 19 goles marcados por 7 recibidos, o Brasil campión do mundo, e o rei coroado co chapeu mexicano, a dous quilómetros de altura, no solsticio tropical

Tricampión, despois dos títulos de 1958 e 1962, e polo tanto o Brasil ficaba coa copa en propiedade. Para iso tivo que derrotar no México a daquela campioa do mundo, Inglaterra, o campión da América, Uruguai, e a campioa da Europa, Italia.

Nando Salvà comentará que, antes daquilo, a maioría apenas vira nunca fútbol na televisión, mais, logo de Pelé e os seus ofreceren aquel espectáculo, non cansamos de sentarmos diante dela agardando vivir algo que se lle pareza.

Hai, pois, máis de 50 anos destes xogadores incríbeis, destas xogadas incríbeis. Hai máis de medio século do gol do século, da parada do século, do partido do século e, sobre todo, do equipo do século. O mellor equipo da historia no mellor mundial da historia. Estes son os seus nomes. Como diría Galeano, póñanse de pé para os escoitaren:

Félix, Carlos Alberto, Brito, Piazza, Everaldo, Clodoaldo, Gérson, Jairzinho, Tostão, Pelé e Rivelino. Brasil 1970

  • Xosé Carlos Gz Anhón. (Publicado orixinalmente na revista Terra de Outes, n.º 50, abril-xuño de 2020, nos 50 anos do Brasil 1970)

Máis artigos de Xosé Carlos en QPC