Luns. 14.10.2024
El tiempo

Badalada en Carnota. 50 anos da estrea do Outes na Liga da Costa

Outes F.C.
Outes F.C. de 1973
Badalada en Carnota. 50 anos da estrea do Outes na Liga da Costa

No domingo de Entroido de hai 50 anos unha badalada outense soou en Carnota e escoitouse en toda a costa.

Todo viña dun pouco antes. En xaneiro daquel 1973 o Outes xogara en Santa Comba o seu primeiro partido oficial de fútbol; porque en outubro de 1972, logo de (re)absorbe-lo Tins, acordárase formalmente (re)constituí-lo Outes Fútbol Club, federalo e entrar na Liga da Costa, despois duns anos en que o equipo participara, sen estar federado, en partidos amigábeis e torneos como o Ría de Muros.

Na realidade, o Outes xa se fundara a finais dos anos 40 e xogaba entón no Areal, tras recolle-la remuda que viña do Sporting Club Serrano, co campo no Cotro, dende os anos 20.

Mais saltemos adiante dende alí uns 50 anos, que serían dende hoxe 50 atrás, para volvermos a 1973 e atopármonos na primeira Liga da Costa do Outes F.C., a da tempada 1972-73 (denominada así malia seren tódolos partidos en 1973, de xaneiro a maio).

É a 10.ª Liga da Costa e participan 10 equipos: Baio, Carnota, Cee, Esteirana, Noia, Porteño, Negreira (campión da anterior), Xallas (que regresa) e os principiantes Corcubión e Outes.

Vén sendo unha segunda rexional e o equipo que remate campión poderá xogar unha promoción para ascender á primeira categoría rexional (rexional preferente), que abrangue toda a Galiza. Pola contra, non hai nada por abaixo e por iso non existe o risco de descender, mais o último clasificado será sinalado co singular trofeo do farol vermello.

O sistema de puntuación é o tradicional e lóxico. En cada partido dispútanse dous puntos, así que o gañador leva eses dous ou, de empataren, serán repartidos cun punto para cada equipo.

O Outes xogará os partidos de local no campo do Bosque da Serra, aberto uns anos antes, e volve ás súas históricas cores de raias brancas e negras despois dun tempo de encarnado. Entre outros xogadores, na portaría estará Rateiro; na defensa destaca Cartagena; no medio do campo, Evaristo, Paco Carracho e Calo; como 10, Nolete e como retratista, Pilla. O presidente é Silvino Molinos.

Outes-Cee 1973 foto de Calo
Paco Calo no Outes-Cee de 1973

Estamos no domingo 21 de xaneiro de 1973, comezo da Liga. O Outes marcha ó verde campo do Carreiro de Santa Comba para xogar pola primeira vez un partido oficial. O resultado, 4-1 para o Xallas, non doerá demasiado; todo é arrancar. Ese día empatan o Esteirana e o Porteño (2-2) e o Cee e o Negreira (1-1), o Noia golea o Carnota (8-5) e o Baio o Corcubión (4-0). O Baio é o primeiro líder e o Corcubión é o primeiro farol vermello, posto en que estará toda a competición. Ó día seguinte, Frazier será esborrallado por Foreman, novo campión así dos pesados.

Na 2.ª xornada, 28 de xaneiro, O Bosque estréase na Liga da Costa recibindo o Cee, un dos favoritos. O Outes presenta foráneos que non durarán e resiste de penalti mais o equipo de Sieso acaba gañando 1-2. O Noia, mentres, avasala 0-8 en Corcubión e pasa ó primeiro posto, que xa non deixará.

Na xornada 3.ª o Outes ten que xogar en Baio contra o decano da Costa, mais o partido é aprazado ó non se presenta-lo árbitro no campo do Balsiño. O principal da xornada será a vitoria do Noia por 4-0 sobre o Negreira. Este Noia S.D. é un equipo formidábel, con Quinito, Nando, Lete, Juanatey, Jaime, Castelo, Mario, o outense Andrés, o fabuloso Miculita… e Matito, que esta tempada é adestrador. Mesmo na vila noiesa hai outro club, o Industrial, que xoga na segunda división do Sar (na primeira están equipos como o Boiro ou o Arzúa).

E o Noia é o seguinte rival do Outes. O campo do Bosque ve un abarrotamento impresionante ese 11 de febreiro e o evento aprovéitase para homenaxear e proclamar presidente de honra do Outes F.C. o doutor don Manuel Esperante, impulsor do fútbol outense xa dende a época do Sporting Serrano. O Noia ponse diante 0-2, mais Nolete acende a esperanza cun gol antes de apagala o Noia con outros dous e remata-lo partido 1-4.

O encontro seguinte será tamén de rivalidade: Esteirana-Outes. O Outes segue a paga-la inexperiencia e remata con Nolete expulsado e cunha derrota, esta máis dolorosa, por 7-0. A escuadra esteirá(n) ten un nome discutíbel (Esteirana) mais bos futbolistas dirixidos por Pián, como o paxaro Santi, Diego Mayo, Paquiño ou Manolito Fuentes, quen xogara antes e xogará despois no Outes. O Noia gáñalle ó Cee por 7-3 no Santo Alberte uns días despois dunha traxedia de cinema no Tapal.

Vanse formando dous bloques que definirán todo o campionato; cinco equipos arriba: Noia, Porteño, Esteirana, Cee e Negreira; outros cinco abaixo: Baio, Xallas, Carnota, Outes e Corcubión.

Na 6.ª xornada o Outes sofre a 5.ª derrota en 5 partidos ó perder no Bosque contra o Porteño por 1-4. Cero puntos, 4 goles a favor e 21 en contra. Só o Corcubión está detrás.

E chega o Día D.

4 de marzo de 1973, domingo de Entroido. Campo de Lombáns de Carnota, onde o Outes xa acadara éxitos antes de se federar. O Carnota ten calidade, con varios noieses e o gran Dominguiños, mais tampouco non vai ben e só leva 2 puntos dunha vitoria sobre o Corcubión.

O partido está moi emocionante cando de súpeto Chicho se disfraza de Pelé e dende case o medio do campo manda un balón a voar que sorprende todo o mundo, incluído o porteiro carnotán Faxo, ata entrar bombeado na portaría de arriba, a da entrada. Gol!! Os seareiros cativos do Outes corren abrazándose pola banda mentres os maiores calculan a distancia do voo nuns 40 metros.

Aínda o Outes, co maimiño Luis e unha reviravolta de Busto, metería outro gol; e o Carnota porá o 1-2 para segui-la emoción ata o final, mais o marcador non volverá mudar nunha gran tarde de Rateiro na súa terra. E de todos, co panadeiro Basilio no banco e o de Galdrán nos ombreiros.

O La Voz de Galicia contará dous días despois que el Outes dio la campanada.

O Outes F.C. ten xa a súa primeira vitoria oficial.

Na mesma xornada, o Corcubión acada tamén o seu primeiro punto ó empatar co Negreira.

E o martes de Entroido, 6 de marzo, xógase por fin o partido que se aprazara en Baio. Remata 1-1 e o Outes fica xa con 3 puntos en 7 xornadas.

O sábado 10 inaugúrase en Compostela o Hospital Xeral e o domingo 11 vense na Serra os dous debutantes, o Outes mailo Corcubión, que comparten os puntos: 1-1 cun gol de Mundo e un paradón final do corcubionés Campón. O Noia derrota in extremis por 3-2 a Esteirana e acada 8 vitorias en 8 partidos. E Tacatún segue.

Na 9.ª e última xornada da 1.ª volta o Outes xoga no Cepelo. O Negreira, vixente campión, domina todo o partido de xeito avasalador e anguriante, mais Rateiro ten unha actuación memorábel en que o para todo e, coa axuda de Cartagena, dos demais e dos postes, consegue que todo acabe 0-0. Ningún outro partido do campionato rematará sen goles. Será chamado o heroe de Negreira. Na caldeira da Grixa, o Noia perde a imbatibilidade: 3-2 contra o Porteño, un bo equipo que comeza en Pepe mais que pasara unha crise xornadas atrás.

A 1.ª volta finaliza co Noia de líder con 16 puntos seguido do Cee con 14. O Outes é antepenúltimo con 5 puntos (1 vitoria e 3 empates), por diante do Carnota con 4 e o Corcubión con 2. Mentres, os últimos soldados dos E.U.A. vanse retirando do Vietnam do Sur.

Na 10.ª xornada (1.ª da 2.ª volta) o Outes segue co pulo e gaña pola primeira vez no campo do Bosque, 1-0 contra o Xallas cun gol ó final. Despois de 5 partidos perdidos, 5 sen perder. É 25 de marzo e chegamos ó máis alto: 7.º posto. Tamén o Corcubión continúa a mellora e ten a súa primeira vitoria, 1-0 sobre o Baio.

Porén, na seguinte, no campo de Raíces, o Cee, aínda aspirante ó campionato malia vir de perder en Negreira, golea 7-1 o Outes.

Na n.º 12, en 8 de abril, o Baio empata de penalti na Serra, 2-2, mentres o Noia sae derrotado pola segunda vez, 1-0 en Negreira con gol de Cros e perdas de tempo dun tal Fernando Vázquez, e Picasso deixa de pintar.

E na 13.ª vai o Outes a Noia. Aquí non hai sorpresa mais o resultado é digno para os outenses: o Noia gaña 3-1 nun campo con herba, bancadas e megafonía. Mañá, Nino Bravo partirá a un lugar máis alá do mar.

Máxima rivalidade e Día do Club no Bosque en 22 de abril coa visita da Esteirana. O Outes xa non é o novato da 1.ª volta no Artón e agora a Esteirana, malia marcar antes grazas a un penalti, recibe un gol de Crespo e non pode pasar do empate: 1-1. No partido decisivo da Liga, Cee-Noia, o Cee vai gañando ata que no último momento marca o Noia un gol moi protestado por vir dunha presunta falta: 2-2; o Noia encarreira o campionato. E o Ajax de Cruyff encarreira outra Copa da Europa ó elimina-lo Real Madrid nas semifinais, tras fulminar antes o Bayern de Múnic. Despois gañará a final contra a Juventus.

Os dous seguintes partidos do Outes son derrotas, 5-2 na Ponte do Porto contra ese bo Porteño e 0-1 na Serra contra un Carnota que ía esquecendo a badalada da 1.ª volta.

Así, o penúltimo encontro é importante porque, de perder no diminuto campo das Hortensias de Corcubión, o Outes podería rematar no farol vermello. Mais vence, 1-2, e deixa tal trofeo para o equipo compañeiro da estrea, que ten así a todo xogadores como Viriolo, Llanero ou o Mestre. Canto ó trofeo bo, ese día o Noia gaña 2-5 en Esteiro e xa pode canta-lo alirón. Tamén Merckx consegue a Vuelta, por diante de Ocaña, antes de levar tamén o Giro e renunciar ó Tour, o cal o propio Ocaña aproveitará.

Na última xornada, a 18.ª, 20 de maio de 1973, o Outes pecha a súa estrea cunha derrota contra o Negreira, 2-4, nun domingo de vendaval na Serra, con goles de Calo, de penalti, e dun Brión esta vez adiante.

O Noia confirma o seu título gañándolle 4-1 ó Porteño no Santo Alberte e remata con 31 puntos (15 vitorias, 1 empate e 2 derrotas), diante do Cee con 27.

Mentres, o Atlético de Madrid consegue o campionato español da 1.ª división tras derrota-lo Deportivo, que descende e non volverá en moito tempo. 50 anos despois, o Deportivo de La Coruña pasaría pola gloria e polo inferno mais nunca mudaría o nome para o galego. O Celta gáñalle nesa última xornada ó Real Madrid e segue na 1.ª.

Liga da Costa 1972-73

O Outes, pois, completa de xeito meritorio a primeira tempada na Liga da Costa con 3 vitorias, 5 empates e 10 derrotas, 20 goles a favor e 48 en contra e un total de 11 puntos para ficar na 8.ª posición, por diante do Xallas e do Corcubión.

Remata máximo goleador Pastoriza, do Porteño, sucesor así de Petisco e Periscal no trofeo Chacho, con 28 goles, seguido de Mario, do Noia, e Miro, do Cee, e de Manolito, da Esteirana.

Despois, eses mesmos 10 equipos participarán na Copa da Costa. O Outes comeza nos cuartos de final, onde será eliminado tras perde-los dous partidos co Negreira (5-0 no Cepelo e 1-4 no Bosque). Á final chegarán o Carnota e o Porteño, que gañará os dous partidos e ficará coa copa na Ponte do Porto.

O Noia xogará a promoción á preferente, mais será eliminado na 1.ª rolda polo Anduriña, campión das Rías Baixas, que finalmente subirá. Con todo, o Noia reforzarase aínda máis con grandes xogadores como Manín ou Severo e seguirá dominando as seguintes ligas ata acada-lo ascenso en 1975.

O Outes aproveitará ese baleiro para, coa chegada de novos xogadores, especialmente dunha lexión santiaguesa (Salle, Palazón, Carballo…), gaña-la Liga da Costa en 1976 e a Copa en 1977.

Logo virán máis éxitos, como outras ligas en 1985 e 2015. Equipos irmáns, do Freixo e de Cando, serán compaña un tempo; e hoxe, malia que tras pasar períodos duros, mesmo de hibernación, o Outes F.C. é un club vigoroso cunha atención particular para a base.

Mais nós nunca esqueceremos que o Outes botou a voar nun domingo de Entroido de hai 50 anos, cun gol dende o medio do campo e uns rapaces abrazados pola banda mentres unha badalada soaba.

  • Xosé Carlos Gz Anhón (Unha versión anterior foi publicada no n.º 61 da revista Terra de Outes, cuxa presentación aconteceu en 21 de xaneiro de 2023, cando se facían 50 anos do primeiro partido do Outes na Liga da Costa.)

 

Comentarios