xoves. 08.05.2025
El tiempo

A Confraría de Laxe pide solucións aos problemas de desprotección do porto

A Confraría de Laxe pide solucións aos problemas de desprotección do porto
Encontro do BNG na Confraria de Laxe A Confraría de Laxe critica a falta de seguridade no porto

Importante é que os grupos políticos escoiten a voz dos sectores produtivos como o do mar. Desta volta foi o Portavoz do BNG no Parlamento Galego, Francisco Jorquera, e o Deputado Daniel Rodas, acompañados polo Portavoz Municipal do BNG en Laxe Xosé Manuel Pose e o Responsábel Comarcal Xoán Sande, os que mantiveron unha xuntanza na Confraría de Laxe co Patrón Maior e o Secretario da mesma.

Durante a reunión os representantes da Confraría explicaron aos membros do BNG o acontecido o pasado día 6 no porto, e os problemas que veñen sucedendo cada vez que hai un temporal neste porto. "O que hai moitos anos era un porto refuxio, hoxe está totalmente desprotexido e as embarcación están absolutamente expostas como se estivesen en alta mar", denunciaron os membros da confraría. "O mesmo porto no que hai máis de dúas décadas se viñan refuxiar barcos doutros portos da comarca, agora son as embarcacións de Laxe as que teñen que saír para refuxiarse, se lles dá tempo a facelo".

Por fortuna non hai que lamentar ningunha desgraza persoal, pero puido ter ocurrido, pois foron varias as persoas que estiveron a bordo das súas embarcacións intentando evitar que foran a pique, durante practicamente 24 horas.

Os membros da Confraría demandan unha solución xa para este problema, e desde o BNG manifestan o seu "absoluto apoio ás súas reivindicacións", asegurando que volverán levar o asunto ao Parlamento, despois de telo levado tamén ao Congreso, ao Parlamento Europeo, ante o Valedor, e mesmo teñen convocado unha manifestación en Laxe hai algo máis de ano e medio para reivindicar unha solución ao problema do porto e a praia.
Mesmo no ano 2011 aprobouse unha Proposición non de Lei do grupo parlamentar, por unanimidade da cámara, que non foi cumprida aínda a día de hoxe.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios