Exercicios prácticos e reais de Salvamento en Laxe coa Asoar-Armega

20:52 20/09/10

Homenaxe aos náufragos
O malpicán Xosé Manuel Varela Varela, colaborador desta casa, foi o encargado de poñer a nota literaria ao acto recitando varios versos alusivos aos naufraxios en xeneral e ao cemiterio dos ingleses en Camariñas. A continuación o patrón maior de Laxe lanzou un ramo de flores desde o peirao en recordo de todos os mortos no mar e tamén se repartiron claveis entre as autoridades presentes e os asistentes. Disrutaron do relato as autoridades presentes no exercicio foron a Directora Xeneral da Mariña Mercante, Isabel Durántez Gil; a Directora de Salvamento Marítimo, Esther González Saavedra; o Subdelegado do Goberno en A Coruña, José Manuel Pose Mesura; e o Alcalde de Laxe, Antonio Carracedo Sacedón. Tamén asistiu ao acto o Xefe do Centro de Coordinación de Salvamento en Finisterre, Joaquín Maceiras Saborido.Xornada de portas abertas
Ao remate dos exercicios, realizouse unha xornada de portas abertas, na que Salvamento Marítimo expuxo os medios e dispositivos de salvamento, amosando o interior da embarcación e do helicóptero ó público asistente. Do mesmo xeito estivo presente a ambulancia e a embarcación da Cruz Vermella. Asemade, colocouse un stand con material divulgativo en materia de seguridade e saúde dos traballadores do mar, publicado pola propia Entidade e cedido por outros organismos como a Consellería do Mar, Ministerio de Fomento, ISM, etc.Operacións marítimas
Os medios de Salvamento Marítimo e varios pesqueiros da zona simularon as seguintes situacións de emerxencia no mar:Incendio a bordo e abandono de buque con balsa salvavidas
Foi a Embarcación Soprol a que realizou este exercicio de loita contra incendios, abandono de buque e supervivencia na balsa salvavidas. Simulouse un incendio, o tripulante que o avista berra o PATRÓN!! LUME NA POPA!! LUME NA POPA!!. A continuación, mentres que a tripulación empregou os medios e equipos de loita contra incendios cos que conta a bordo (extintores, caldeiros e mangueira), o patrón da embarcación contactou con Salvamento Marítimo para facer a chamada de emerxencia correspondente. Ante a imposibilidade de extinguir o lume o patrón decidiu o abandono da embarcación e volveu a contactar Salvamento Marítimo para informar da súa situación. Polo tanto a tripulación preparouse para evacuar: colocaron os chalecos de abandono de buque, arriaron a balsa salvavidas, saltaron a auga de maneira organizada e subíronse á balsa. Os tripulantes foron rescatados da balsa pola embarcación de rescate do remolcador Don Inda que os trasladou ó porto onde a Cruz Vermella interveu nos primeiros auxilios e simulou o seu traslado ao centro de saúde máis próximo. A Salvamar Altair acudiu para rematar de apagar o lume, evitar que o buque se fundira e se producise a contaminación do medio mariño. Os náufragos manifestaron nerviosismo e queimaduras por efecto directo do calor de 1º e 2º grado no tórax, abdome e extremidades, ademais de síntomas de hipotermia leve.Vía de auga nun pesqueiro
Foi a Embarcación Virxe do Carme a que simulou este exercicio de abandono de buque e supervivencia no mar. Simulouse que a embarcación tiña unha vía de auga por tocar nun baixo. Para facelo máis real, a tripulación dou a voz de alarma ao patrón (PATRÓN TOCAMOS!!! AUGA!!!) e fixo tocar a alarma da sentina. Logo, mentres que a tripulación tratou de taponar a vía e achicar a auga, o patrón contactou con Salvamento Marítimo para facer a chamada de emerxencia correspondente. Ao non poder taponar a vía de auga o patrón decidiu e avisou á tripulación para que se preparara para abandonar a embarcación e volveu a contactar con Salvamento Marítimo para informar da súa situación. Logo a tripulación preparouse para evacuar: colocaron os chalecos de abandono de buque, colleron a pirotecnia, tiraron ao mar diverso material flotante (aros salvavidas, chalecos sobrantes, boias,…) para facer un rastro e así ser máis visible, ademais de servir de apoio á flotabilidade, saltaron á auga de maneira organizada e mantivéronse unidos. Os tripulantes foron rescatados da auga polo “Helimer 211” e trasladounos a terra firme, onde a Cruz Vermella prestou os primeiros auxilios e simulou o seu traslado ao centro de saúde. Os náufragos presentaron nerviosismo e síntomas de hipotermia moderada e grave.
Caída de home á auga
Este Exercicio de rescate e primeiros auxilios tocoulle á Embarcación Naxeiro. Simulouse que un tripulante que traballaba en cuberta caeu ao mar e o compañeiro co que estaba a traballar dou a voz de alarma (PATRÓN!!! HOME Á AUGA POR BABOR/ESTRIBOR!!!) e tiroulle un aro salvavidas coa rabiza de 27,5m intentando non perdelo de vista. O patrón ao mesmo tempo que contactou con Salvamento Marítimo polo VHF para realizala chamada de emerxencia correspondente realizou a manobra de rescate (protocolo). Neste tempo figurouse que se perdera de vista o accidentado polo que o patrón informou a Salvamento Marítimo pedindo axuda para buscalo. Procedeu na súa procura a mesma embarcación, o Naxeiro, a embarcación Salvamar Altair e a embarcación de rescate do remolcador Don Inda. Ao final rescatouno da auga a Salvamar Altair e foi trasladado á porto pola embarcación da Cruz Vermella onde o esperaba unha ambulancia para practicarlle os primeiros auxilios e simular o seu traslado ao centro de saúde. Este presentou dolor traumático producido polo accidente e síntomas de hipotermia leve.Tratamento e evacuación dun mergullador accidentado
A Embarcación Nuevos Modes fixo este Exercicio de rescate e primeiros auxilios. Un recolector de recursos específicos en apnea figurou que sufriu un problema físico. Os compañeiros de faena danse conta, recólleno da auga para izalo á embarcación e avisan ao patrón que inmediatamente contactou con Salvamento Marítimo facendo a chamada de emerxencia correspondente. Mentres esperaban o rescate, practicáronlle os primeiros auxilios coa orientación dun médico a través do VHF. O accidentado foi rescatado pola Salvamar Altair e trasladado á porto pola embarcación da Cruz Vermella onde o esperaba unha ambulancia para practicarlle os primeiros auxilios e simular o seu traslado ao centro de saúde.
Novas relacionadas
- A Asoar Armega demostra o seu peso no sector e estudia ca Xunta a xestión da pescada.
- A pescada “Aida” achega aos nenos das terras de Fisterra a realidade mariña e o respecto ao medio.
- A Asoar achega o mar aos alumnos do colexio de Quenxe.
- A Asoar-Armega recibe un Premio ao "Traballo Digno".
- Un artigo de Xosé Manuel Varela Varela: Un náufrago na Costa da Morte.
Xornadas de salvamento
- ASOAR presenta en Corme a Guía de boas prácticas para o percebe.
- Sesión práctica e real de salvamento en Camariñas.
- Polo uso dos equipos de salvamento no mar.
- ASOAR-ARMEGA recibe unha nova axuda para desenvolver guías de prevención de riscos laborais no mar.
Estudios da ASOAR
- Dous novos estudios da Asoar-Armega de I+D+i.
- Valoración e alternativas de futuro para a situación actual da pesca de baixura.
- Memoria de 3 anos de traballo en prol do sector pesqueiro.
- A Asoar-Armega repasa a caída do sector pesqueiro de artes menores.
Fonte
- Nota de prensa da Asoar-Armega.