Venres. 11.10.2024
El tiempo

Laxe anhela a recuperación de Chuco

Laxe anhela a recuperación de Chuco
Chuco de Laxe Chuco de Laxe e a muller Só, de noite, tirado na cuneta, inconsciente e desangrándose. Nesta indesexable situación estivo a piques de perder a vida hai tres meses un dos homes máis populares de Laxe: Chuco. E todo foi logo dun atropelo a mans dun condutor anónimo que se deu á fuga. Un individuo que a día de hoxe carece de nome e apelidos ademáis de calquera tipo de humanidade para chegar a ser persoa. Todo aconteceu na noite do pasado 7 de novembro de 2009. O laxense Francisco Manuel Toja Vázquez, de 63 anos de idade e coñecido en boa parte da Costa co alcume de Chuco, dirixiuse ao restaurante Aldeola, na parroquia malpicá de Cerqueda, para asistir á actuación de Pili Pampín. Xa retirado da vida no mar e nas cociñas onde gañou o pan ao longo da súa vida, Chuco é agora un afeccionado a ir de festa en festa por toda a bisbarra, de ahí a súa popularidade. Preto das 23:00h desa tráxica noite de novembro, Chuco topouse no Aldeola con que a actuación non comezara, polo que cambiou de idea e botouse a andar cara Malpica co obxectivo de saudar a algún coñecido. Hai que aclarar que Chuco non ten reparo ningún en facer autostop, e como garda coñecidos en tódolos recunchos da Costa, non adoita ter problemas nese senso. Pero a súa traxectoria viuse freada logo de abandoar o restaurante, a uns 200 metros. Un vehículo atropelouno e arroiouno á cuneta deixandoo alí só, inconsciente e malferido. Afortunadamente deseguido apareceu outro automóbil pola estrada e foron os seus ocupantes os que socorreron a Chuco. Logo de ollar a gravidade das súas feridas deron aviso aos servizos de emerxencia, que procederon a trasladalo ao Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña. Foron 20 días os que Chuco estivo ingresado e incluso os médicos barallaron a posibilidade de amputarlle a perna afectada, pero malia a estar nunha situación ao borde da morte, só houbo que lamentar unha fractura de tibia e peroné ademáis dun brazo roto. Xa de volta a Laxe, Chuco continúa recuperándose na casa da súa nai, que con 88 anos ás costas é quen lle presta os coidados necesarios. Alí recibíronnos esta semana ao equipo de QPC e puidemos manter con eles unha pequena conversa. Chuco explicounos que el puido ver como o vehículo se dirixía a gran velocidade cara el. “Non me deu tempo a apartarme. Ía pola raia branca, sentín un topetazo e xa quedei KO”. Cabe salientar que aínda que acostuma a levar o chaleco reflector na súa indumentaria, mesmo cando pasea pola vila de Laxe adiante, esa noite non o levaba posto. No intre do suceso perdeu a consciencia pero comentou que “tiven moitas dores os primeiros días. Tiña a perna escarallada e os médicos dicían que quizais íanma cortar. Inmobilizáronme, non me podía mover nin para ir ao baño”. En canto á autoría do atropelo, a investigación continúa aberta pero polo de agora nada se sabe. No lugar dos feitos quedou como proba un espello retrovisor do vehículo implicado pero a familia non foi quen de atopar ao responsable logo de investigar por tódolos talleres da zona. Chuco continúa recuperándose para voltar a ser quen sempre foi, a persoa de Laxe con máis gañas de troula. E para mostra, durante a nosa visita amosou o seu interese pola festa do Entroido celebrada estes días na Praza dos Voluntarios, fronte á súa casa, unha festa que tivo que ollar dende o sofá. Dende QPC unímonos a eses folgos que todos lle damos e que agardamos, en breve convirtan a Chuco no de antes. Ánimo! Chuco de Laxe e a muller

Fonte

  • Redacción de Fran Lago para QPC (franlago[arroba]quepasanacosta.com).

Comentarios