luns. 30.06.2025
El tiempo

O BNG esixe unha actuación urxente na lagoa de Traba para evitar os danos nos cultivos próximos á paraxe

O BNG esixe unha actuación urxente na lagoa de Traba para evitar os danos nos cultivos próximos á paraxe

O deputado Daniel Pérez, xunto cos membros do grupo municipal do BNG de Laxe, Xosé Manuel Pose, Isabel Toja e Cristina Vázquez, veñen de manter unha xuntanza coa veciñanza de Traba para abordar o estado de conservación da lagoa e a problemática relativa aos terreos de cultivo próximos a esta paraxe natural.

"A asistencia de case corenta veciños e veciñas na reunión, celebrada en Mórdomo, amosa a preocupación veciñal polo estado actual da lagoa, unha preocupación compartida polo BNG", sinalan os nacionalistas.

Segundo indica, a situación preocupa, e moito, no BNG laxense. Por unha parte, porque din que é evidente e necesaria unha actuación urxente de conservación e saneamento da lagoa de Traba por parte da administración competente, que é a Xunta de Galiza.

"O goberno galego leva anos sen realizar intervención algunha nesta paraxe de gran valor natural e paisaxístico. A consecuencia deste desleixo é o deterioro actual da Lagoa. A degradación do ecosistema é evidente e tradúcese en augas estancadas e a diminución e perda de especies animais", indican os nacionalistas.

A esa degradación propia da lago, din que hai que sumarlle unha nova derivada, coa mesma orixe: a falta de labores de conservación e limpeza que provocou o atoamento da saída da auga da lagoa cara o mar, provocando a acumulación de auga e o conseguinte asolagamento das terras de cultivo circundantes.

Para o BNG é prioritaria e urxente a actuación da Xunta de Galiza para frear a degradación deste tesouro natural, ao tempo que por fin aos graves prexuízos que a falta de conservación e limpeza da Lagoa de Traba está ocasionando ás propietarias e propietarios dos terreos circundantes.

O BNG Parlamento comprometeuse a levar esta cuestión ao Parlamento galego, esixindo unha actuación de conservación e limpeza pola Xunta de Galiza.

Comentarios