Os Penedos cobran vida


Fíxose realidade o lema da programación conxunta dos Concello de Laxe e Vimianzo para a posta en valor dos Penedos de Traba e Pasarela. Así o corroboraron os case 100 participantes da Andaina organizada este pasado sábado, que valoraron que todo o que viron son #moitomáisquepedras. A maioría da xente (chegados de varios puntos da provincia como Coruña, Malpica, Carballo, Camariñas, Cee, Laxe e Vimianzo) quedou absolutamente alucinada co que estaba vendo, pois se ben esperaban ver pedras curiosas, non contaban con formas tan espectaculares.

A xornada arrincaba da Escola de Pasarela. Alí, o alcalde de Vimianzo Manuel Antelo e a concelleira de Cultura de Deportes Marta Rey, e o edil de Turismo de Laxe Xosé Manuel Pose; e a deputada socialista Loli Toja, lembraron que este programa conxunto nace ante o incumprimento por parte da Xunta de realizar un plan de protección e divulgación dos Penedos de Pasarela e Traba, asociado á súa declaración como Paisaxe Protexida en 2008.
A ruta de sendeirismo foi novidosa en varios sentidos, por facela conxuntamente os Concellos de Vimianzo e Laxe, por subir aos tres picos dos Penedos na mesma ruta, e polos novos sendeiros abertos polo Concello de Vimianzo para camiñar desde Pasarela por vellos camiños de carro sen ir á pista principal. Deste xeito quedou aberto para todos os camiñantes un novo itinerario lineal que vai de Pasarela a Traba, sen saír do cordal montañoso dos Penedos, e que xa ten a ruta xeolocalizada no Google Maps.
Primeiro tocou visitar a zona da Cachucha, e o seu curioso anfiteatro natural, onde se viron os primeiros Penedos. Moitos xa quedaron impresionados pola gran mole granítica do “Barco”, á que tamén lle chaman “Balea” pola súa forma.
De aí subiuse á zona da Forcada e remataron a ruta na Torre da Moa. Os Penedos que máis impresionaron á xente, foron o “Cantor”, a “Pedra Multiforme”, o “Aguia”, o “Paiaso Triste”, o “Coello”, a “Dama” ou “Esfinxe”, o “Dromedario”, o “Pato”, o “Tiburón”, a “Osa”, o “Bico”… ademais, por suposto das impresionantes vistas do Val de Traba dende a Torre da Moa, e mais o cordal dos Penedos de Piñeo ou Braño e mesmo a vila de Muxía desde os Penedos de Pasarela.



Concurso
Agora queda en marcha o concurso fotográfico, que terá tres premios, o primeiro de 500€. Para participar é necesario inscribirse a través de www.turismolaxe.gal ou www.vimianzo.gal.
Recital aprazado
Estaba previsto que este vindeiro sábado se pechase o programa o vindeiro sábado 27 co recital poético - reivindicativo da man de Manolo Rivas, pero este non vai poder estar polo que o Concello decidiu aprazalo aínda sen data.