A veciñanza lanzou un berro ante o feminicidio de Mercedes
Saíu a veciñanza da Costa da Morte, en repulsa ao asasinato machista vivido esta pasada fin de semana no barrio coruñés de Labañou. Mercedes Ríos, unha muller de máis de 70 anos, era asasinada polo seu marido, que argumentaba que a atopara morta en plena madrugada, que despois foi durmir e que chamou á Policía xa pola mañá.
Os colectivos Feminismo en Pé e a Asociación Sonlilán convocaban sendas concentracións en Laxe e Carnota, nos que lían este manifesto:
Manifesto: Ante o feminicidio de Mercedes Ríos na Coruña
Compañeiras, o luns coñeciamos a terríbel nova dun feminicidio na Galiza, desta volta no barrio de Labañou, na Coruña. Desde o feminismo galego activamos o noso protocolo de alarma que ten como obxectivo organizar unha resposta contundente que se materialice en mobilizacións de repulsa aos feminicidios por todo o País.
Desde o ano 2010 son máis de 70 as mulleres que foron asasinadas na Galiza, hoxe concentrámonos de novo por todo o país para amosar a nosa repulsa. Estas son as cifras da vergoña, as cifras que non se borran, as cifras das nosas asasinadas.
Na loita contra os feminicidios seguimos agardando medidas serias, reais e efectivas que avancen na loita e combate desta lacra, non serven os minutos de silencio nin os lazos lilás. Seguimos vivindo por todo o territorio galego situacións de violencia: violencia institucional, obstétrica, sexual, psicolóxica... O sistema non para e nada do que se fai é minimamente suficiente.
Exiximos recursos de verdade para loitar contra un machismo que nos agrede a diario, que nos violenta a diario, que non nos deixa ser libres. O feminicidio é a mostra máis dolorosa dun sistema que acaba pouco a pouco coa nosa vida.
Sistema que é alimentado clara e directamente desde as institucións, institucións que mandaron unha nota de prensa pola asasinada mais que nada fan desde o privilexio por reverter a situación. Institucións como a Xunta, gobernada polo Partido Popular, que vén de suprimir a Secretaría de Igualdade, que vén de licitar os centros 24h de atención a vítimas violencia sexual para que a súa xestión sexa privada. Un Partido Popular que se disfraza de vangarda na loita pola defensa das mulleres pero que actúa contra nós.
Exiximos que a lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia machista sexa efectiva. Exiximos recursos suficientes para abordar este problema en todas as etapas das nosas vidas e un compromiso real, de toda a sociedade, para acabar co terrorismo machista.
Desde aquí, as nosas prazas e as rúas, organizamos a raiba fronte a quen nos quere destruír, porque sabemos que todos os avances foron gañados desde aquí, desde a constante mobilización feminista. Porque sen organización non hai loita e sen loita non hai dereitos!
Hoxe tomamos a rúa por Mercedes Ríos, para responder á violencia que sufrimos as mulleres e á súa máxima expresión sen importar a etapa das nosas vidas.
Querémonos libres e querémonos vivas!
Por Mercedes e por todas, seguiremos en marcha até que todas sexamos libres!
RECURSOS CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA
O Ministerio de Igualdade, a través da Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero, quere lembrar que o teléfono 016, as consultas en liña a través do email [email protected], a canle do WhatsApp no número 600 000 016 e o chat en liña, accesible desde a páxina web violenciagenero.igualdade.gob.es/, funcionan as 24 horas, todos os días da semana. No 016 pódese pedir asesoramento sobre os recursos dispoñibles e os dereitos das vítimas de violencia de xénero, así como asesoramento xurídico de 8 h a 22 h todos os días da semana, con atención en 53 idiomas e un servizo adaptado a posibles situacións de discapacidade.