Absoltos todos os investigados polo caso do edificio Atalaia
Carpetazo ao caso do edificio da Atalaia. Máis alá das posibles interpretacións sobre a idoneidade urbanística do devandito edificio (certo é que non desentona demasiado ca desfeita do seu arredor), o Xulgado vén de confirmar a absolución de todos os investigados no caso. Un caso que se remonta a 2003, cando se realizaba unha modificación puntual da ficha urbanística do solar, da que, segundo a sentenza, “só faltou facer entrega un dos documentos necesarios”, sendo unha “deficiencia sucsanable” e sen delito algún por parte dos “imputados” ou “investigados”. “Faltou un trámite administrativo, enviar un documento á Xunta, que se podía solucionar perfectamente, e armaron todo este lío xudicial que tanta repercusión ten para as persoas”, sinala o avogado Ulises Bértolo.
Non foi a APLU (Axencia de Protección da Legalidade Urbanística), nin a Xunta a quen comezou o proceso. O xérmolo de todo o caso foi unha denuncia dun cidadán que mercou dous apartamentos antes de empezar a construirse, e cando se deu a creba a promotora, non lle devolvían os cartos e decidiu denunciar. Aí entrou a Fiscalía e o proceso chegou ata estes días.
En febreiro, a Fiscalía retiraba a acusación a 3 persoas, ao actual alcalde, Eduardo Parga (que naquel entón era concelleiro de Cultura), así como á Secretaria municipal, Carmen Seoane Bouzas, e Antonio Pereira, coñecido como “O Rulo” (edil naquel tempo do PSOE).
Onte coñecían, con satisfacción, a súa absolución, o ex alcalde Jose Ramón Varela Rey, o aparellador municipal, Juan Luis Arroyo Sobrino, e o ex concelleiro de AVE, Fernando Couto. Unha absolución que remata con moitos anos de inquedanzas, e de moitas repercusións tanto persoais como laborais para algúns traballadores liberais como Couto.
”Estou feliz, levo moito tempo preocupado, como toda a miña familia”, sinala o propio Couto. “Sempre crin na Xustiza e aí está a sentenza que se adapta á realidade, que nós só demos traslado da modificación puntual con todos os informes positivos, e que en ningún caso houbo suborno nin prevaricación”, explica. “Alégrome por todos os que se viron involucrados, que sei que o pasaron mal, tanto persoal como profesionalmente”. Couto explica que agora “toca borrón e conta nova, e a seguir traballando, pero sempre co meu lema por diante que é o do Liverpool, “nunca camiñarás só”, pois o que camiña comigo nunca irá só, sempre son fiel”. Nese sentido, apunta que aprendeu unha cousa positiva, “que a familia directa é que sempre está aí. Outra xente di, algo haberá, pero a familia si que pregunta pola verdade directamente”.
Agora non se sabe que vai pasar co edificio. Un edificio de 34 vivendas, a medio facer, pois a promotora está en creba.
Novas relacionadas
https://quepasanacosta.gal/a-fiscalia-manten-a-acusacion-a-tres-dos-investigados-por-suposto-delito-urbanistico-no-caso-do-edificio-da-atalaia-de-malpica/- Outubro 2016: Aberto o xuízo oral por presunto delito urbanístico ao alcalde e ex alcalde de Malpica.
- 2014: Imputados o alcalde e 4 concelleiros por unha recalificación en Malpica.
- 2012: A cruz de vivir na Atalaia.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).