Anxo Pérez: “A idea do Foro de Actualidade é fuxir de periodistas militantes”

Anxo Pérez #DefendeaGalega

Este sábado 15 a Comisión de festas de Malpica Mallas de Area organiza a súa segunda xornada de debate. Despois do éxito do Foro do Mar e da presentación do segundo número da súa comprometida revista, o Centro Cívico acolle a partir das 18:00h o I Foro de Actualidade.

Unha xornada que contará con 4 xornalistas de alcance estatal como Esther Palomera (xornalista e a adxunta a dirección de eldiario.es); Juan Manuel de Prada (escritor e crítico literario, Premio Planeta); Ana Pardo de Vera (periodista, directora corporativa de Público); e Jesús Cintora, periodista e escritor co que falamos o ano pasado precisamente tras unha visita a Malpica.

Levará a voz cantante Anxo Pérez Añón, xornalista malpicán, histórico dos informativos e a agora no servizo de documentación da TVG, e con el precisamente queremos falar para analizar como repercuten estas xornadas na zona.

  • QPC: Xa moderaches o foro do Mar. Que cres que aportan estas xornadas de reflexión nunha vila como Malpica?

Creo que o aportan este tipo de actos, é o que eu lle chamo, “parar e pensar”. Aportan as ideas de expertos en determinadas materias para a túa reflexión persoal.
No Foro do Mar axudounos a reflexionar sobre como estamos perdendo actividade no mar, e sobre como podemos facer para reconverter isto. Deunos moitas claves a toda a xente de Malpica, para repensar cousas como a economía azul, que xerou moita polémica, porque nos chega imposta dende Europa pero igual non é tan mala.

Non se trata de intervir sobre o que pensa xente, é darlle ideas para que pensen e formen o seu criterio.

Aínda a día de hoxe hai xente que me recorda o moito que lle serviu o foro do Mar para repensar o sector. Con este foro que organiza Mallas de Area preténdese facer o mesmo pero sobre a actualidade, con persoas xornalistas e un escritor, recoñecidos a nivel estatal que poden aportarnos a súas reflexións e a súa información, para que nos dean claves que nos permitan a nós reflexionar á realidade que nos rodea, sobre o que temos ao lado, como Altri ou a pesca, deses sectores esquecidos en Madrid; pero tamén sobre outras cousas que parecen que non nos afectan pero si que nos afectan, como a xustiza ou a política, as cousas do Congreso dos Deputados, de Europa… que ao fin ao cabo, tamén nos afectan a todos.

A idea principal é traer a Malpica xentes que nos traian as claves do que se fala no Madrid (Centro de poder) e que cada un é que saque as súas conclusións, aproveitándonos de todo o que saben eles. E non hai que estar dacordo con cada un que vén, hai que recoller as súas ideas, e cambiar de opinión ou non.

 
  • Pero… cambiar de opinión é posible neste mundo de trincheras?

Podo quedarme na miña trinchera, podo cambiarme de trinchera ou podo quitarme as trincheiras que tiña impostas. O que se pretende é que reflexionemos.

 
  • Vaia nivel, de todas maneiras, con 4 profesionais de alcance estatal, non?

Os profesionais están moi ben escollidos, porque se son perfís independentes, que poden ter unha ideoloxía concreta, pero que din o que pensan, e non veñen representando a ningún partido nin a ninguén. Son profesionais independentes da información que manexan claves que nos poden servir aos demais para facernos unha idea do mundo que nos rodea.

Pretendo ademais que a xente non se quede coa imaxe que ve na televisión, porque en realidade seguro non é tan polarizadae nós queremos fuxir da polarización. Ti podes ser de esquerdas ou dereitas, pero vexo que cando estascatro persoas analizan cousas critican a todos os partidos, porque non son periodistas militantes, que é do que pretendíamos fuxir.
O caso de Juan Manuel de Prada, é paradigmático, que nos pode achegar unha visión diferente ao do xornalismo, por exemplo en claro á desinformación e os bulos.

 
  • Supoño que será ese un dos temas principais. Que outros asuntos vas poñer sobre a mesa?

Bulos e desinformación, por suposto; tamén redes sociais, os estado do periodismo, da xustiza, da política estatal e mundial; do modelo produtivo, do futuro da xuventude, do acceso á vivenda, da “españa vaciada”, da monarquía, por que non?…
Queremos falar de todo, pero xa se verá a onde chegaremos, porque temos 2 horas.

 
  • Que lle dis á veciñanza de Malpica e de todo Bergantiños para convencelos de achegarse ao Centro Cívico?

Teño compañeiros en Santiago que van ir. Hai moito profesional que poderá vir, pero a xente vai ter posibilidade de ter cara a cara, e mesmo preguntar, a xente que ten información moi superior incluso eu, cque se manexan todos os días con datos aos que nós non temos o resto da xente; cousas que ademais igual non poden dicir nos medios, pero que nun foro libre si é posible. Iso é un valor porque lle vai permitir obter as súas propias claves a calquera veciño da comarca que veña para facerse unha idea do mundo máis aberta.

Moitas veces, os que somos de porto de Mar, para min o meu mundo é Seaia, a miña aldea, é Malpica. pero ese mundo non é alleo ao do resto do mundo, e o que nos van contar tamén é cousa do noso mundo.

 
  • Quería preguntarche tamén, que che parece esta entidade, que nace como unha Comisión de Festas e acaba organizando foros, revistas…

A min paréceme un mérito tremendo. Colaboro no que podo e no que sei, pero paréceme un traballo espectacular. Só manter viva unha asociación cultural nunha vila como Malpica ou calquera outra vial da Costa da Morte é un mérito tremendo. E despois facer eventos coma este, porque implica un traballo de contactos e loxistico moi complicado. Eu sempre os animo a facer máis, de feito rematei I Foro do Mar pedíndolle o segundo. Eu trato de poñerlles deberes, porque sei que fan un traballo impresionante. Son moi boas para vilas como Malpica, porque estes eventos, nos invernos esquecidos, sitúan a Costa da Morte no mundo.  

 

  • QPC: Vemos que estás comprometido coa loita dos #VenresNegros no seo da TVG. Como se vive no día a día esta batalla? Despois de máis de 350 venres, vedes saída posible?

Son moitas semanas, si… A reclamación inicial foi a falta de cumprimento da lei actual, de asegurar que temos unha televisión pública e de todos, que ese é o problema, porque é unha televisión que non fai a súa función de servizo público para todos os galegos. Nese sentido seguimos, e a loita está máis vixente que nunca, porque agora está en trámite parlamentario a modificación da lei, que suporá unha privatización de todo o servizo público, que si que vai ser un problema grave. Temos que concienciar á sociedade que isto non é un problema laboral no que pedimos mellores salarios. Estamos pendindo que se respecte o respecto da cidadanía a unha información libre. Estamos defendendo os dereitos da cidadanía.

Isto vai seguir, entendo que si, pero non sei como, porque é un movemento case asambleario, que no seu momento terá que decidir cara onde ten que ir, pero está máis vivo que nunca, e ten que estalo entre os traballadores pero tamén entre a cidadanía

Porque é un asunto moito máis importante do que parece, e de feito estamos con trámites en Europa, porque a nova lei incumple a lexislativa europea. E repito, non só nos afecta aos xornalistas, aféctalle á toda a ciddanía que ten dereito a recibir información plural e veraz.

Máis novas