Falece Paco Souto mentras mariscaba en Razo
15:40 30/03/17
Paco Souto era un coñecido percebeiro da zona ademais de poeta e concellerio en Malpica. Imaxe do seu perfil persoal en Facebook
Paco Souto, un verdadeiro activista social e cultural
Paco Souto - percebeiro, concelleiro do BNG en Malpica, activo escritor de poesía e membro da asociación cultural Caldeirón - faleceu esta mañá mentras mariscaba na zona da punta de Razo, en Carballo. Segundo os datos facilitados ao 112, a vítima puido caer ao mar tras sufrir un golpe. O tráxico suceso tivo lugar algo antes das 12:20 horas.
Os tres compañeiros que traballaban na mesma zona atópanse en bo estado de saúde. Un deles foi trasladado a terra por un helicóptero da Garda Civil, mentres que os outros dous puideron abandonar o lugar polo seu propio pé.
Paco Souto atopábase nunha zona de rochas e de difícil acceso polo que tivo que ser rescatado polo Helimer 209. O helicóptero trasladouno ao aeroporto de Alvedro, onde xa agardaba unha ambulancia.
No operativo, coordinado por Salvamento Marítimo, tamén participaron efectivos dos Bombeiros de Carballo e de Protección Civil.
razo
Consternación
A triste nova logo se espallou pola Costa da Morte. Así, algúns compañeiros de partido xa deron mostra da súa consternación. Un deles, Xosé Regueira - concelleiro do BNG de Carballo - que facía pública a súa consternación cunha mensaxe nas redes sociais: "Este mar ao que tanto queremos e ao que tanto lle debemos, este maldito mar... !!! Coas bágos de todxs nos ollos, que a terra che sexa leve Paco Souto, grande poeta e fantástica persoa e compañeiro de loita!"
Dende o BNG nacional queren tamén transmitir "a súa profunda dor polo pasamento do compañeiro Paco Souto e transmite as súas condolencias a familiares e amigos, en particular á compañeira Enma, por este tristísimo suceso que deixa a toda a familia nacionalista afectada e conmovida pola perda do que durante moitos anos foi concelleiro do Bloque Nacionalista Galego no municipio de Malpica".
Dende o seu grupo, lembrarán a Paco polo seu activismo cultural: "Con todos e todas nós quedan para sempre a súa escritura, os seus recitais, a súa acción política e social, o seu compromiso co este país e coa súa xente. Sempre será lembrado pola súa calidade humana, polo seu facer literario, pola súa entrega ao mundo do mar e polo seu profundo compromiso político na defensa de Galiza. Comprometido co seu país e co proxecto político do nacionalismo galego, xa fora na súa faceta de concelleiro do BNG en Malpica, como portavoz no seu día da Plataforma Nunca Máis, e como presidente da Agrupación de Percebeiros de Malpica ou da Asociación Caldeiron de poetas."
Súmase á consternación a Deputación da Coruña, que tamén quere transmitir o seu pesar pola morte do malpicán.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción QPC ([email protected])
- 112