Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Malpica une lazos co seu curmán toledano

Malpica une lazos co seu curmán toledano
Alfredo Canizo fomentando o irmanamento entre Malpica de Tajo e Malpica de Bergantinos

Cantas veces buscas no Google algo de Malpica e os primeiros resultados son de Malpica de Tajo. Pois si, Malpica ten un curmán en Toledo, e cómpre recuperar a longa amizade. Así, o irmanamento entre Malpica e Bergantiños e Malpica de Tajo empeza a cobrar forma. O concelleiro de Turismo do municipio bergantiñán, Alfredo Cañizo, foi recibido o domingo pola tarde polo alcalde da vila toledana, Mario Cruz, que exerceu como o seu guía nunha visita polo pobo. O representante de AIM participou xa o domingo pola noite nos actos previos ao día grande de San Sebastián, patrón de Malpica de Tajo, que incluíron os ruidosos morraches e o toro de lume, “tradicións moi singulares”, subliñou Cañizo.

Onte, luns, día grande da festa, o Concello de Malpica de Bergantiños tivo un papel moi destacado en todos os actos. Alfredo Cañizo foi convidado a realizar unha das catro ofrendas que recibe San Sebastián todos os anos. “Para mi foi unha honra”, declarou. Despois da misa, na praza do pobo tivo lugar a tradicional poxa que a Confraría de San Sebastián realiza coas ofrendas recibidas e que serve para recadar fondos para as festas do vindeiro ano.

O Concello de Malpica de Bergantiños cedeu tres pezas de olería de Buño. No mesmo escenario tivo lugar un intercambio de presentes. Alfredo Cañizo entregou ao alcalde de Malpica de Tajo un botixo de barro branco, e á súa vez foi agasallado cun cadro de San Sebastián e viños das bodegas do municipio.

O representante do Concello de Malpica de Bergantiños tamén se reuníu onte cos distintos grupos da corporación municipal, que acolleron de moi bo grao a proposta de irmanamento entre os dous municipios. Agora só falta formalizar o acordo polas respectivas corporacións e iniciar os trámites, xa que os concelleiros do municipio toledano amosáronse “moi ilusionados” coa iniciativa, manifestou.

Alfredo Cañizo destacou o gran potencial turístico de Malpica do Tajo, a amabilidade das súas xentes e a excelente acollida que lle ofreceron. Agora espera que se poida facer un primeiro intercambio entre unha delegación de cada concello, que sería un primeiro paso para unha relación estable e continua en diversas áreas, como o turismo, a cultura ou a empresa.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa do Concello de Malpica.

Comentarios