Paco de Tano presenta “Rueiro”, un “poemario protesta”

Paco de Tano co seu terceiro poemario Rueiro

Volve a poesía ocupar as tabernas da comarca. Se o sábado 11 temos un recital poético na rockCorner Bar de Cee, o venres 10, a partir das 20:30h, hai parada no Cornecho de Tano, en Malpica.

Será o propio rexente, o poeta Paco de Tano, en colaboración da Concellería de Educación, Cultura, Patrimonio e Deportes do Concello de Malpica, o que presente o seu terceiro libro de poemas, “Rueiro. “Levoume tempo facelo, pois é precisamente un rueiro do meu barrio. Quixen que fose bastante urbano, con persoeiros, uns con nome e outros sen nome, coma nos clásicos galegos. Falo dun barrio decadente, como eu recordo que son as cidades nestes anos dende 2020. É case un poemario protesta”, explícanos.

Anima a toda a veciñanza a coller o libro polas mans, pois quere deixar claro que “é de lectura sinxela”, nada enrevesado.

E tamén anima a achegarse á túa taberna, dando por feito que a hostalería é curmá da poesía, que presentar a súa obra na casa é obrigatorio. “Cando empezamos Paco Souto e máis eu, Paco e meu pai tiñan taberna, e sempre facíamos presentacións nas tabernas. Van ligados, non coñezo outra forma de facelo, porque hai que ter en conta que o único sitio onde vai a xente é a taberna. É máis fácil que vaian á taberna que a un centro cultural. Se Mahoma non vai a montaña, a Cultura terá que ir canda Mahoma. Sempre funciona”.

Editado por Caldeirón

O libro, como non podía ser doutro xeito é editado por Caldeirón, editorial bergantiñá fundada polos dous Pacos. “Creo que ten mérito a única editorial exclusivamente de poesía da Costa da Morte, botando cultura para fóra, sacando 5-7 libros ao ano, ademais do certame de Poesía Erótica que xa vai pola 18 edición. Sempre pelexando dende este curruncho”.

Novas relacionadas