A Escola de Música Moderna de Mazaricos abre o prazo de inscrición para pequenos e maiores

A Escola de Música Moderna de Mazaricos retoma as súas actividades con unha amplia oferta formativa para todas as idades
Mazaricos, 2 de setembro de 2025.- O Concello de Mazaricos informa de que a Escola de Música Moderna xa ten aberto o prazo de inscrición para o novo curso 2025/2026. As clases, que se impartirán na Casa da Cultura da Picota, comezarán a partir do vindeiro 13 de
setembro cunha completa oferta de modalidades pensada para cubrir todas as idades e intereses.
Esta iniciativa, impulsada dende o Concello, ten como obxectivo principal fomentar a práctica musical entre a veciñanza como unha ferramenta de desenvolvemento persoal, creatividade e cohesión social.
“Un dos nosos obxectivos é que a cultura, e neste caso a música, sexa accesible para todos os veciños e veciñas, sen importar a súa idade. Queremos que a escola sexa un punto de encontro e de creación de comunidade arredor da música”, sinalou Juan Blanco, alcalde do de Mazaricos.
Oferta formativa adaptada a todas as idades
A escola estruturou a súa programación en tres grupos principais para garantir unha aprendizaxe axeitada a cada alumno:
- Música e movemento para cativos: Dirixido a nenos e nenas a partir de 3 anos. Estas clases, deseñadas nun formato lúdico e divertido, buscan iniciar aos máis pequenos no mundo da música, o ritmo e a expresión corporal.
- Formación instrumental para rapazada: Os alumnos en idade escolar poderán escoller entre unha ampla variedade de instrumentos como uquelele, batería, acordeón, piano, saxofón e guitarra.
- Modalidades para adultos: Para os máis grandes, a escola ofrece a posibilidade de aprender acordeón, piano, saxofón e incluso unha modalidade moi demandada como é ‘Cantos de Taberna’, perfecta para disfrutar da música en compañía.
Información práctica para as inscricións
As persoas interesadas en formalizar a súa matrícula poderán facelo dos seguintes modos:
- Presencialmente: Na Casa da Cultura da Picota, os sábados pola mañá.
- Vía telefónica: A través do número 685 050 921, onde se atenderán as consultas e se facilitará información máis detallada.