A liña regular de transporte chega á Picota tras as solicitudes dos centros escolares e o Concello
Entraba onte en vigor a nova parada da Picota, como novo inicio da liña regular de Pino de Val – Noia. Así o ratificaba o servizo de Mobilidade da Coruña da Xunta de Galicia trala petición dos centros de ensino de Mazaricos e Noia e o Concello de Mazaricos.
Unha parada que permite atender as necesidades das familias mazaricás con membros no ensino secundario. Tanto desde o Concello como desde o CPI A Picota e o instituto de Noia se trasladara esta necesidade ao servizo de Mobilidade.
A ampliación, que comprende tanto o horario de ida como o de volta, é efectiva dende hoxe, día 3 de maio. Deste xeito, haberá un autobús de ida de luns a venres con saída da Picota ás 7:44h e chegada á estación de autobuses de Noia ás 8:30h. Igualmente, haberá dúas liñas de volta con saída da estación de autobúses noiesa e chegada á Picota. Os luns, o autobús partirá de Noia ás 18:35h e chegará á Picota ás 19:21h. O resto de días laborables, sairá ás 14:50h e chegará ás 15:36h.
O rexedor mazaricán Juan Blanco salientou que “o transporte público é unha necesidade clara no medio rural e un servizo polo que seguiremos velando para defender os intereses da veciñanza”.