sábado. 23.08.2025
El tiempo

Mazaricos acolle unha mostra de creatividade da artesanía galega

XV ANTONIO FRAGUAS
Mazaricos acolle unha mostra de creatividade da artesanía galega

A Casa da Cultura da Picota, en Mazaricos, acolle ata o 5 de setembro a exposición itinerante do XV Certame de Artesanía Antonio Fraguas, organizado pola Deputación da Coruña. A mostra reúne unha selección das 30 mellores pezas desta edición, incluídas as obras gañadoras, nunha homenaxe ao talento e á creatividade da artesanía galega.

Esta iniciativa bienal, que distingue as modalidades de artesanía tradicional e contemporánea, ten como obxectivo poñer en valor as manifestacións artísticas que son "sinais de identidade dun pobo", mostrando ao mesmo tempo a vixencia das tradicións e a capacidade innovadora do sector. As pezas expostas, seleccionadas por un xurado especializado, son un testemuño excepcional da calidade e a diversidade da artesanía actual en Galicia.

O alcalde de Mazaricos, Juan Blanco, destacou a honra de poder acoller esta mostra de alto nivel: “Para nós é un privilexo que Mazaricos sexa unha das paradas desta exposición que percorre a provincia. É unha oportunidade única para que os nosos veciños e visitantes poidan apreciar de cerca o traballo excepcional de artesás e artesáns galegos, pezas únicas que dialogan coa nosa idiosincrasia e a nosa historia. Invitamos a todo o mundo a descubrir esta marabillosa mostra do mellor do noso patrimonio creativo”.
  
As pezas gañadoras e o legado de Fraguas

A exposición inclúe as dúas obras premiadas, galardoadas cun premio de 6.500 euros cada unha:

  • Modalidade Tradicional: Borja Canedo Martínez, polo seu ‘Coitelo de cociña Damasco’.
  • Modalidade Contemporánea: Ezequiel Franchil Gil, pola súa peza ‘Nasa’, unha innovadora creación no eido da marroquinería.

O certame leva o nome de Antón Fraguas Fraguas (1905–1999), un dos intelectuais galegos máis comprometidos coa defensa da cultura e identidade de Galicia. Etnógrafo, antropólogo e director do Museo do Pobo Galego, a súa traxectoria estivo dedicada ao estudo e á preservación das tradicións populares galegas, sendo homenaxeado no Día das Letras Galegas no 2019.
 

Comentarios