Mazaricos acolleu a segunda homenaxe ás Comunidades de Montes lembrando a loita de Che de Pedro
Emotiva homenaxe a que celebrou este sábado en Mazaricos, co gallo do 60 aniversario da morte de Che de Pedro (José Esperante). O Instituto Galego de Terras Comunitarias (INGATECO) fai, dende 2014, do asasinato do mazaricán o 22 de xaneiro de 1963 mentres defendía o seu monte veciñal, "o símbolo da defensa das terras comunitarias". Por iso, e coincindo ademais co 60 aniversario do suceso, o concello acollía a que foi a segunda edición do Día da Loita da Veciñanza Comuneira na Defensa do Monte Veciñal.
O evento arrincou no Centro Social de Eirón, homenaxeando primeiro a Llorenç Soler, cineasta que retratou a conflitividade social da Galicia dos anos 70, incluíndo a loita polo monte comunal. Anna Turbau, fotógrafa e compañeira de Soler, puxo as emotivas palabras lembrando ao finado o pasado mes de novembro.
A expedición, con numerosa presencia de representantes nacionais do BNG, achegouse ata o monumento erguido en homenaxe a Che de Pedro, no monte da súa parroquia, en San Fins de Eirón. Alí enriba, Claudio Quintanilla, do Instituto Galego de Terras Comunitarias (INGATECO), puxo as verbas desta data necesaria para que cada comunidade de montes do país a inclúan no seu calendario de actividades.