Mazaricos leva a pleno importantes investimentos en camiños e patrimonio a través do POS
O Pleno Extraordinario de Mazaricos que se celebrará este vindeiro xoves ás 14h tratará a adhesión do Concello ao Plan de Obras e Servizos Pos+2022 da Deputación da Coruña. Actuacións como a posta en valor e consolidación do templo de Santa Baia (30.000 euros) despois da limpeza de maleza realizada no outoono, e a ampliación que completará a rede de saneamento de Suevos (28.570,00 €) están na proposta do grupo de goberno.
Ademais, as meirandes partidas as levan as melloras de firme en 6 parroquias: Antes, Beba, Chacín, Corzón, Mazaricos e Vaos, por un total de 177.451,21€:
- Na parroquia de Antes, o proxecto contempla unha actuación na pista Gatiñeira e camiño de San Cosme nun tramo duns 500 metros.
- Na parroquia de Beba actuarase sobre o acceso sur, así como no acceso ao lugar de Outeiro e na pista da Illa, que se localiza ao nordés de Vilariño de Beba.
- Na parroquia de Chacín actuarase na estrada de Godón e na de Vioxo, levando a cabo un recheo de fochancas, limpeza de gabias e aplicación de triplo tratamento asfáltico.
- En Corzón actuarase nun dos camiños que atravesan a aldea de Lugarnovo para reparar danos no pavimento asfáltico Na parroquia de Mazaricos, actuarase sobre a pista forestal de acceso ao castro do monte Aro, e na pista da Devesa, de acceso a parcelas agrícolas. Aínda na mesma parroquia, repararase o camiño a Fonte Codeso, danado polo paso de maquinaria eólica de gran tonelaxe.
- Na parroquia de Vaos actuarase sobre o acceso á igrexa de Santo Tomé creando unha zona de aparcadoiro. Na mesma parroquia actuarase no acceso ao aeródromo, infraestrutura de apoio para hidroavións, e na pista de Candosa, perpendicular á outra.
Plan Complementario: Outras melloras de firme
O pleno debaterá igualmente outro proxecto para a mellora de firmes e actuacións complementarias nas parroquias de Beba, Chacín, Coiro e Mazaricos, encadrados tamén no POS+2022 provincial. O orzamento será de 174.030,54 €.
Na parroquia de Mazaricos, actuarase na estrada que comunica Pidre coa Picota, e mais no rueiro interior de Serráns, onde se creará un muro de contención de 35 metros nun noiro con pedra de cachotería. En Vilariño de Beba, actuarase sobre o rueiro para unificar a pavimentación.
Tamén haberá actuacións na estrada que une Suevos e Beba entre a AC-400 e a DP-4501. Trátase dun dos principais eixes de comunicación interna de Mazaricos. Nesta actuación limparanse as gabias, arranxaranse fochancas e aplicarase triplo tratamento asfáltico nun tramo de aproximadamente 2.750 metros de lonxitude e un ancho medio de 5,5 m.
O proxecto inclúe tamén a limpeza de cunetas e o arranxo e mellora do pavimento na estrada entre o lugar de Beba e as aldeas de Xestó e Godón, así como entre estas e Asenso.