Recunchos da Costa: A ponte da Pontenova

Primeiro plano da ponte onde podemos apreciar o arco lixeiramente apuntado.

Seguimos percorrendo a bisbarra, e hoxe facémolo da man de Suso Jurjo, que nos conta un dos segredos do seu Mazaricos natal. Imos visitar a área fluvial da Pontenova, en Mazaricos, e a súa singular ponte.

A Ponte da Pontenova, por Suso Jurjo

O río Beba quizais sexa o río máis importante dos propiamente mazaricáns: atravesa tres parroquias e o seu discorrer está sombreado, ademais de pola clásica e sistemática presenza de salgueiros e abeneiros; por importantes masas de carballos e castaños; e por unha longa serie de obras arquitectónicas de coñecido valor; pero a obra máis sobranceira, nacida por e para o río, é, sen lugar a dúbidas, a ponte da Pontenova.

Esta ponte, situada nunha das paraxes máis encantadoras e bucólicas dun río moi abundante en experiencias estéticas, forma parte do vello camiño que dende Corcubión ía ata Muros polo interior e que contaba con importantes paradas nas feiras da Ponteolveira, da Choupana e da Virxe do Monte. Itinerario que aparece sinalado nos antigos mapas de Galicia e que funde as súas raíces no medievo. Época na que, coidamos, ten a súa orixe a nosa ponte. Aínda que non temos datos, polas súas características estruturais: arco lixeiramente apuntado, escasa anchura,… pensamos que a súa construción se pode situar a finais da Idade Media: alá polos século XV ou nos primeiros anos do XVI.

A Pontenova articúlase cun único arco dunha luz duns dez metros. As reducidas dimensións do curso do río non fai necesaria a presenza de tallamares, aínda que, a ambos lados do ollo, tanto augas arriba como augas abaixo, sitúanse uns contrafortes que en grande parte atópanse embutidos nas calzadas de acceso á ponte, máis anchas que a ponte propiamente dita.

Unha característica moi singular desta ponte é a longa calzada pola que se accede á mesma dende a marxe occidental do río. Para que esta longa estrutura non fora un impedimento ao discorrer das augas nos días de enchente, foi perforada por dous ocos con bóveda de aproximación e que, como dicíamos, evacuaban a auga que sobordaba do curso nas longas invernías, contribuíndo a un mellor saneamento e conservación desta pequena obra de enxeñería.

O perfecto trazado da cantería das doelas da arcada, contrasta coa a cachotería do resto da estrutura. A utilización do arco apuntado e a axeitada combinación de aparellos contribúen á creación dun perfil lixeiro e estilizado, sen renunciar a sólida fortaleza dun San Cristovo que dende o medievo nos porta sobre os seus ombros, liberándonos das investidos da natureza.

Pero a Pontenova, a diferenza do que o seu nome indica, non é só unha ponte, senón toda unha sabia conxunción de elementos que a converten nun lugar moi especial: a presa, a praia fluvial, os muíños, o merendeiro, o refuxio de pescadores e a natureza envolvente dan como resultado unha paraxe de excepcional calidade paisaxística.


Sinxela estrutura arquitectónica que acubilla dous muíños

A praia fluvial da Pontenova-Mazaricos coa ponte no último termo

 

  • Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos.

 

OUTROS ARTIGOS DE SUSO JURJO

RECUNCHOS DA COSTA