Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Unhas preguntas con Iria Bermúdez, a cantante de Mazaricos que esta noite asalta o Luar

Unhas preguntas con Iria Bermúdez, a cantante de Mazaricos que esta noite asalta o Luar
Iria Bermudez na TVG Dos 20 concursantes que comezaron no Luar antes do Nadal, son a metade os que pasaron a seguinte fase. E entre eles está a nosa representante da Costa da Morte. Iria Bermúdez, natural de San Fins de Eirón, en Mazaricos, canta no Luar desta mesma noite de venres 11 de febreiro de 2011, e o fará interpretando, en rigoroso directo, o coñecido tema Jalisco. Iria xa está entre as 10 finalistas. A sesión desta noite, sumará coa do vindeiro día 25, para dilucirar que 6 concursantes pasan á seguinte fase. Con todo, hoxe terá a oportunidade de actuar ante toda a parroquia galega, con Gayoso como principal espectador. E precisa de todos os nosos votos.
  • Moi boas Iria, antes de nada, que tal se porta Gayoso con vós?
A verdade é que non sempre vemos a Gayoso antes de comezar o programa. Pero si é certo que algunhas veces se pasa polo camerino dos Recanteiros a preguntarnos que tal estamos, como é a relación entre nós, se estabamos nerviosos, felicitándonos... é dicir, preocupándose porque nos sintamos a gusto. Vamos, que se portou moi ben connosco.
  • Cóntasnos cando e como comezaches a cantar?
Desde pequena sempre me gustou cantar e a profesora de música do colexio díxolle a miña nai que tiña un don para iso. Entón ela pensou que sería importante formarme musicalmente, e así foi: empecei a estudar música no conservatorio de Noia, no que recientemente rematei os estudos de grao profesional de guitarra. Despois dun tempo alí, ós 14 anos máis ou menos, decidín empezar a formar a miña voz e comecei a ir a clases de canto, e agora mesmo estou matriculada en grao profesional de canto nun conservatorio de Vigo.
  • E tes en Eirón toda unha familia detrás apoiándote. Estarán esta noite nos estudios da TVG?
Non poderán estar todos presentes no programa, posto que nos proporcionan un cantidade limitada de entradas a cada concursante. Pero aínda así estou segura de que todos os veciños e moita outra xente que me coñece estarán apoiándome igualmente desde alá.
  • Gustaríache dedicarte profesionalmente á canción?
Como xa dixen noutra ocasión, esa é unha pregunta fácil e difícil de contestar ó mesmo tempo. Realmente, penso que a todos, ou case todos os que estamos metidos neste mundo nos gustaría dedicarnos profesionalmente e vivir diso, outra cousa son as facilidades que se teñan para facelo.
  • E cal sería o teu perfil preferido: unha orquestra, un grupo de pop...?
En canto ó estilo, a verdade é que non teño un estilo claro e definido porque me gusta moverme por todos os campos posibles e probar novos retos, e din que na variedade é onde está o gusto. De todas formas penso que a miña voz está feita para as baladas, cancións lentas e, sobre todo, o canto lírico, que é o que estudio de maneira profesional.
  • Pois nada, moita sorte e a ver se levas o nome da Costa da Morte por todo o país.

Heaven, de "Iria Maz"

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios