Venres. 19.04.2024
El tiempo

A Venus galega precisa dos brazos para vivir

Crónica en tres escenas e catro imaxes  
1 Mariscadoras e Venus de Milo
A Venus galega precisa dos brazos para vivir

Hoxe é o DÍA INTERNACIONAL DA MULLER TRABALLADORA e aínda que boa parte do que diremos nestas liñas refírese a Galicia e á muller galega, poderíase aplicar con algúns matices ás súas coxéneres das clases populares de toda a humanidade.

Escena Primeira

2 A Venus de Milo
A Venus de Milo

A Venus de Milo é unha das esculturas clásicas máis sonadas. Pertencente á época helenística e datada entre os anos 130 e 100 antes de Cristo, foi considerada dende a súa aparición no ano 1819 na illa grega de Milo, e do seu inmediato traslado ao Museo do Louvre, un dos máximos expoñentes da beleza clásica. 
A súa estrutura articulada por un lixeiro contraposto, complementado pola obrigada curva praxiteliana, dótana de graza e naturalidade. O apurado pulido da superficie imprímelle  un realismo anatómico e unhas calidades táctiles moi marcadas. O sutil contraste entre o torso espido e a cascada de pregues, de forte resalte lumínico, esvarando docemente dende as cadeiras, remarca a singularidade de ambas partes. A serena e equilibrada beleza do seu rostro e a pasiva sensualidade da súa pose, convértena nun paradigma universal da beleza e da elegancia femininas. 

Pois ben, esta escultura tan fermosa e equilibrada non ten brazos. Hai crónicas sobre o seu achado que din que xa apareceu sen brazos, outras que os perdeu no seu traslado a Francia. O caso é que dende a súa chegada ao Louvre, está sen brazos e así foi dada a coñecer ao mundo enteiro. Isto que, en principio, podería representar un atranco para a súa axeitada valoración, supuxo todo o contrario, contribuíu a darlle unha personalidade, unha singularidade aínda máis acusada. Estamos tan afeitos a observala sen brazos, que se calquera día apareceran e puideran reintegrarllos, o máis seguro é que nos estorbaran, que non nos gustara. 

O pintor Carlos Maside (1897- 1958) foi un dos principais introdutores das diferentes correntes das vangardas artísticas internacionais na pintura galega. Ademais dunha intensa e recoñecida traxectoria como pintor, destacou tamén coma debuxante, gravador, deseñador gráfico e humorista gráfico. Esta última parcela do seu traballo, tinguida sempre dunha enorme carga de denuncia e de crítica social, desenvolveuna  en varios xornais durante os anos da 2ª República. Dentro deste apartado creativo do humor gráfico para xornais  publicou nun número de El Pueblo Gallego de xuño de 1936 unha viñeta que ten como antecedente a Venus de Milo.

3 Viñeta de Carlos Maside aparecida en EL Pueblo Gallego  en Xuño de 1936
Viñeta de Carlos Maside aparecida en EL Pueblo Gallego en Xuño de 1936

Enmarcada dentro dun cadrado, aparece unha muller coas pernas flexionadas, os cadrís dobrados, a cabeza baixa, os brazos alternativamente encollidos e estirados, e os puños fechados, tirando do rabo do legón, co que cava na terra. Terra sobre a que debruza todo o seu corpo. Estamos ante unha figura estilizada, de formas harmoniosas, que logo identificamos cunha labradora galega polo característico atado do pano da cabeza e polos zocos, tan do País. Esta fermosa ilustración ten ao seu pé o seguinte texto: “A Venus galega precisa dos brazos”, e nós engadimos, a Venus galega precisa dos brazos para vivir senón morrería de fame ela e a súa familia. A Venus de Milo non tiña falla dos brazos para ser fermosa, nin tampouco para vivir, seguramente tiña ao seu redor unha recua de servidores que atendían tódalas súas necesidades.   
O principio masculino de autoridade adoitaba recompensar a submisión das mulleres das clases altas cun eterno lecer, onde, a semellanza da Venus de Milo, podían recrearse cultivando o seu corpo, dando brillo a súa beleza e realzando a súa elegancia. As mulleres do pobo, vítimas da dobre explotación do sistema colonial e do sistema patriarcal, tiñan que cultivar a terra, arranxar a casa, criar os fillos, atender os vellos e compracer o marido. 

Escena Segunda

As mulleres deste País non só pariron dende o primeiro ata o último dos galegos, senón que tamén nos transmitiron os coñecementos e as características que nos definen como galegos. As mulleres foron e seguen sendo as maiores transmisoras de cultura. Non é estraño que, na actualidade e despois de varias décadas cun sistema de acceso ao ensino medio e superior relativamente igualitario, a maioría do profesorado estea composto por mulleres. Na muller semella que a vocación de ensinar é innata, directamente relacionada coa súa condición, real ou potencial, de ser nai.
Para as mulleres do pobo nunca había lecer, cando non estaban polas leiras, traballaban na casa. Para elas ter vagar, era ter máis tempo para facer outras cousas tamén necesarias: arranxar unha peza de roupa, fiar o liño ou a lá, aproveitar trapos vellos para unha trapeira, facer un queixo, unha cunca de manteiga, un chapeu, un cesto, un capelo para a chuvia,… E mentres traballaban, cantaban e contaban historias, historias e cantareas que transmitían aos seus descendentes conxuntamente co “saber facer” en todas as actividades que desenvolvían.

4 Vendendo chapeus na feira de Noia do fotógrafo Ramón Dimas
Vendendo chapeus na feira de Noia do fotógrafo Ramón Dimas

As súas tarefas non tiñan fin, e aínda que as protagonistas desta terceira imaxe semellan gozar dun intre de descanso, non é un descanso real. Están na feira de Noia vendendo as súas mercadorías e, mentres esperan a posible clientela, falan, comentan, aprenden. Despois de tecer a trenza, de confeccionar o chapeu, de completalo coa singular guarnición de tea; agora toca feirealo. Pode que viñeran dende o Concello de Outes, do de Mazaricos ou dos arredores da mesma Noia. E aí están, seguras da calidade do seu produto, un xenuíno exemplar da enxeñería feminina ao servizo dun obxecto cotián que non renuncia a un deseño particularmente  “estiloso”. Un chapeu que, pola súa copa característica, é moi axeitado para levar pesos na cabeza e, pola súa aba ancha e dobrada, igual torna da chuvia que do sol.

Foron inmortalizadas no ano 1956 polo fotógrafo catalán Ramón Dimas. Viñera fotografar a nosa terra por encargo da Editorial Destino para ilustrar unha guía que se publicará no seguinte ano, co sinxelo título de GALICIA. Estaba escrita nunha rica e suntuosa prosa por Carlos Martínez Barbeito, e seguía a estela de guías literarias coma a, tamén GALICIA, de Manuel Murguía ou a GUÍA DE GALICIA de Ramón Otero Pedraio. Apesares de que Ramón Dimas era un fotógrafo deportivo e non estaba afeito a este tipo de tarefas, aquí fixo un traballo da maior calidade e moi gabado pola crítica. Esta foto pode ser un bo exemplo da sensibilidade do catalán para plasmar a realidade galega. Unha realidade sen falsos estereotipos na que as mulleres teñen unha presenza moi destacada. Unhas mulleres onde a momentánea pose de relax non nos debe enganar, pois os seus corpos recios por un laborar sen sosego, os seus rostros curtidos polas intemperies do vivir labrego, e as súas fortes mans de traballo, fálannos claramente da súa posición nuclear na sociedade galega.

Escena Terceira

5 Mariscadoras na Ría de Muros do fotógrafo Quin Caamaño
Mariscadoras na Ría de Muros do fotógrafo Quin Caamaño

Dos tempos actuais pouco podemos dicir que non saibades xa: a Venus de Milo segue representando a clásica e intemporal beleza feminina no imaxinario das elites ilustradas. E a muller galega como demostra a fotografía destas mariscadoras procurando o sustento fronte á vila de Muros, obra de Quin Caamaño, continúa precisando dos brazos para vivir.  Pero non podemos acreditar que todo siga igual. O xénero feminino, agora máis que nunca, atópase incorporado con maior ou menor presenza en todos os eidos do mundo laboral: desde as actividades do sector primario que poden representar estas mariscadoras, ata posicións reitoras nas grandes multinacionais, ía temos o caso de Inditex. O último exemplo non deixa de ser un espellismo dentro do panorama xeral no que quedan  aínda moitas situacións que denunciar: o acoso no traballo ao que se ven sometidas moitas mulleres; a desigualdade de salarios e de oportunidades; a dificultade para acceder a postos de alta responsabilidade; os continuos atrancos para poder conciliar a vida familiar e a laboral; ou o sempre desigual reparto, en detrimento da muller, das tarefas do fogar e da crianza e educación dos fillos. 

O 8 de marzo é un día de festa polos logros conseguidos, pero sobre todo é un día de reivindicación por todo o que aínda resta para termos unha sociedade xusta e igualitaria.   

  • Suso Jurjo. Historiador e Técnico de Cultura no Concello de Mazaricos.

Axenda do 8M na Costa da Morte

OUTROS ARTIGOS DE SUSO JURJO

Comentarios