Alfonso Blanco Quintela traduce por primeira vez ao galego a historia de Roma de Tito Livio

Alfonso Blanco con "Ab urbe condita"

O escritor muradán Alfonso Blanco Quintela vén de publicar unha nova tradución dunha obra clásica na colección Vétera da editorial Rinoceronte, a mesma que lle publicou a Eneida hai uns meses. Neste ocasión trátase dos primeiros tres libros, reunidos nun só volume, da Historia de Roma desde a súa fundación do autor romano Tito Livio, un dos historiadores máis importantes da antigüidade.

Tito Livio quixo escribir unha historia de Roma completa desde os seus inicios como cidade ata os seus días, que eran os de finais do século I a. C. e principios do I d. C., época na que Roma era xa a cabeza dun enorme imperio. Livio dedicou case toda a súa vida a este único labor literario, que se coñece en latín co título de Ab urbe condita e que se pode traducir ao galego como Historia de Roma desde a súa fundación. O esforzo foi descomunal, pois chegou a escribir nada menos que 142 volumes (probablemente o plan orixinal alcanzaba os 150, pero acabóuselle a vida antes de poder completalo).

Hoxe, tras o paso de 20 séculos desde que a obra foi escrita, só se conservan 35 volumes completos, dos que neste libro acabado de publicar ofrecemos os tres primeiros. Neles pódese apreciar o interese pola análise da psicoloxía individual e colectiva dun pobo, o romano, ao que lle debemos unha parte importante da nosa identidade cultural, e que non era demasiado diferente de nós: os motivos polos que gobernantes e gobernados se moven seguen a ser, por unha banda a ambición, e, pola outra, a busca dun maior benestar.

Nesta primeira sección da obra podemos atopar relatos que lles resultarán familiares a todas aquelas persoas que coñezan, sequera por riba, a historia de Roma: a súa fundación por Rómulo e Remo, a revolución que acabou coa monarquía (o primeiro réxime político que tivo a cidade), os conflitos coas comunidades veciñas ou as loitas pola igualdade de clases entre os patricios (a clase nobre) e os plebeos (a xente do común).

Para todos estes feitos, e moitos outros máis, Tito Livio é a principal fonte, que podemos comezar a ler agora en galego grazas ao apoio que me deu a colección Vétera, centrada en versións ao galego de textos anteriores ao s. XIX, e dirixida polo poeta, tradutor e profesor Raúl Gómez Pato. "É moi de agradecer a constante aposta da editorial, e das dúas persoas mencionadas, por traer ao galego un feixe crecente de obras da antigüidade grecolatina, que non poden facer outra cousa que darlle prestixio á nosa lingua e enriquecela traducindo grandes clásicos da literatura universal", sinala o muradán.

Máis novas de Alfonso