sábado. 08.11.2025
El tiempo

Alfonso Blanco Quintela publica a primeira tradución ao galego da "Eneida"

Alfonso Blanco coa traducion da Eneida.Foto-Renée Huerta
Alfonso Blanco coa tradución da Eneida. Foto-Renée Huerta
Alfonso Blanco Quintela publica a primeira tradución ao galego da "Eneida"

Volve á primeira liña da actualidade o carballés Alfonso Blanco Quintela. O profesor de Latín e Grego no IES Fontexería de Muros, acaba de publicar unha tradución ó galego da Eneida de Virxilio, a obra máis importante da literatura latina e un dos cumios da literatura universal. "Con ela os antigos romanos tiveron á súa disposición, nun latín de altísima factura, a lenda das súas orixes máis remotas, así como a xustificación mítica do seu dominio sobre o Mundo Antigo. A súa influencia nos séculos posteriores, desde a Antigüidade Tardía, pasando pola Idade Media, ata chegar á Idade contemporánea, foi enorme", explica Blanco Quintela.

"Dúas foron as razóns que me moveron a elaborar unha tradución ao galego deste longo poema épico (case 10.000 versos)", relátanos. "En primeiro lugar, a Eneida está hoxe algo esquecida, tanto polo público en xeral como polos que se inician nos estudos humanísticos; e, en segundo termo, quixen entregar ao sistema literario galego unha tradución acompañada dunha introdución histórica e literaria detallada e, sobre todo, de notas explicativas (acabaron sendo máis de 700) que axudasen o lector actual a contextualizar a obra para que puidese mergullarse nela e comprendela en toda a súa dimensión".

Así, o carballés foi traballando nesta tradución durante os últimos 10 anos, "con calma e coidado, ata chegar ao resultado que acaba de saír do prelo". Ao tempo que avanzaba, foise poñendo en contacto con diferentes editoriais para ver a posibilidade de publicala, e atopei resposta favorable na editorial Rinoceronte, especializada en traducións. Esa editora publica, entre outras, a colección Vétera, centrada en versións ao galego de textos anteriores ao s. XIX, e está dirixida polo poeta, tradutor e profesor Raúl Gómez Pato, a quen Alfonso lle está "fondamente agradecido".

A gratitude faina extensiva o autor ao editor de Rinoceronte, Moisés Barcia, tamén tradutor, quen, ademais de amosar interese por esta tradución, nos suxeriu darlle forma versificada. "Non se trata de versos rimados (a poesía antiga baseábase no ritmo, non na rima), senón compostos cun ritmo que, se ben non intenta reproducir fielmente o antigo, pretende transmitir, a través da colocación das palabras e dos seus acentos no verso, a musicalidade que era propia destas expresións literarias", explica.

Máis novas de Alfonso Blanco Quintela

Comentarios