O Castelo Rock 2025 pega un xiro
Houbo renovación importante na directiva do Castelo Rock, volvendo moita xente que estivera xa en anteriores comitivas. E nótase en todo. Despois da voráxine xudicial vivida o pasado ano, a nova dirección optou por facer un formato máis pequeno, máis asequible para un grupo de persoas voluntarias que forman parte da ACDR Praia do Castelo, con menos orzamento, e cunha aposta polas bandas da casa. Nótase mesmo na imaxe do cartel, e no estilo de música, algo menos cañeiro que nos últimos anos, con cabezas de cartel como Gorka Urbizu, Familia Caamagno, Eris Mackenzie, ou Pauliña, e con fprte protagonismo para bandas muradás emerxentes e xa asentadas no panorama galaico como Lisdexia ou Capital Voskov.
Falamos dun Festival que leva dende 2003 creando unha identidade sonora para todo Muros, un dos eventos musicais máis emblemáticos da costa galega, que desta volta fará tremer a Praza do Mercado de Muros cun cartel que mestura rock, identidade e vangarda. A cita será 8 e 9 de agosto de 2025.
Nesta nova edición, e xa van 21, subirán ao escenario artistas recoñecidos e emerxentes da escea galega e estatal, como: Gorka Urbizu, Lisdexia, Familia Caamagno, Pauliña, Catuxa Salom, Eris Mackenzie, Mascada, Capital Voskov e Tête de la Course.
Entradas
As entradas xa están á venda a través das plataformas habituais (www.castelorock.gal), cun prezo de 15 € + gastos de xestión para o público xeral e 10 € para persoas socias.