mércores. 30.04.2025
El tiempo

Lisdexia lanza novo EP: "O importante para nós é pasalo ben"

Lisdexia banda muros
Lisdexia lanza novo EP: "O importante para nós é pasalo ben"

Xa vimos o bombazo "Ay gayego", e máis o tema que lle dá título, pero hoxe xa temos nas plataformas o novo EP completo de Lisdexia. A banda muradá lanza "Esclavos do baile", un EP de seis cancións que é a aposta máis grande da banda pola súa traxectoria musical.

O traballo o resultado dunha viaxe que comezou en 2017, nun proxecto que une a un grupo de amigos e músicos que viviu grandes transformacións ao longo do tempo. Con un estilo fresco “Esclavos do baile” mostra un proceso de maduración, tamén a nivel musical, xa que é o seu traballo máis profesional, sen perder as ganas e a ilusión por pasalo ben. “O importante para nós é pasalo ben e que a xente o goce. Isto é o que representa o EP”, sinala a banda.

A presentación en directo de “Esclavos do baile” será o 9 de maio na Sala Sónar de Santiago de Compostela, marcando o inicio da “Xira dos esclavos”. As entradas xa están á venda.

No single e videclip “Esclavos do baile”, que da título ao EP, o grupo de Muros presentou unha esmorga moi particular coa que mostran todas as intencións da banda nesta nova etapa: facer que o público non pare de bailar. Anxo Beiro e Antón Vidal atópanse detrás da dirección desta proposta, que se gravou en varios escenarios da localidade de Muros. Un videoclip onde o caos, a diversión e as resacas das festas mestúranse para homenaxear a todos aqueles que non poden deixar de bailar.

“Esclavos do baile” está destinado a situar á banda como unha das máis emocionantes da escena actual. No anterior adianto do EP, “Ay Gayego”, adentráronse na música tradicional galega grazas á colaboración con As Fanfurriñas. Unha canción que mestura muiñeiras e sons do garage coa que fan sátira  dos mozos que rexeitan a súa lingua reivindicando a importancia de conservar e valorar a identidade lingüística.  A diversión, a amizade e como cambiou a vida dos integrantes da bandas nos últimos anos, que pasaron de ser mozos estudantes a adultos traballadores, reflíctese nas letras desde EP en cancións como “Espidifren” ou na que da inicio ao EP, “Jungla”. A ironía e a identidade galega tocan en “Ay Gayego” ou “Borrachos Nazionalistas Gayegos”.

Inspirados por bandas como Terbutalina, Siniestro Total, Novedades Carminha ou Carolina Durante, Lisdexia promete asentarse no panorama como a banda para revolucionar as pistas de baile.

Máis novas de Lisdexia

 

Comentarios