Deleiba estrea en Compostela, con Archivo Adxunto, o seu novo álbum
Xa escoitamos algo do seu novo álbum "Ao revés do mundo". Pero seguro que nada terá que ver co bombazo que soará esta noite de venres 7 de marzo na Sala Sónar de Compostela, nun concerto no que estarán escoltados pola banda veciña de punk Archivo Adxunto.
Ambas bandas murdás contan cunha sólida traxectoria que pasa por festivais coma o Resurrection Fest ou o Castelo Rock. A apertura de portas será ás 21:30, e o inicio dos concertos ás 22:00. Pódense adquirir as últimas entradas anticipadas en entradium.com
Novo vídeo
O concerto de presentación contará coa colaboración do produtor Iago Pico e de Ula Mayo de Monoulious Dop. Recentemente, a banda ven de estrear un videoclip gravado en Pouland Studios por 035 visuais. Este novo traballo audiovisual recolle as sesións de gravación de Sere-Bros Destruídos, canción na que colabora Ula Mayo e que mostra unha sátira do individualismo e da cultura do esforzo, centrándose en figuras públicas coma o influencer Llados.