Xoves. 30.05.2024
El tiempo

Mondra, Süne e Monolious Dop completan o cartel do Asalto ao Castelo de Vimianzo 2024

mondra
Mondra será unha das bandas que porán festa no Asalto
Mondra, Süne e Monolious Dop completan o cartel do Asalto ao Castelo de Vimianzo 2024

Ademais da bomba de Manu Chao, xa se coñecen os grupos que van quentar os corazóns irmandiños na 27ª edición do
Asalto ao Castelo de Vimianzo. Aos anunciados Manu Chao acústico e Boikot, súmanse para os 5 e 6 de xullo deste 2024 a vasca Süne e os galegos Mondra, Monoulious DOP, Festicultores e Flow do Toxo.

ASALTO AO CASTELO 2024_POST  ARTISTAS_total

Süne é o novo proxecto en solitario de Josune Arakistain, vocalista e trikitilari do grupo Huntza, que se despedía hai uns meses dos escenarios e que daba o ano pasado un dos seus últimos concertos en Vimianzo.

Se falamos de tradición levada ao contemporáneo en Galicia, rapidamente pensamos en Mondra. Martín Mondragón é un dos artistas que máis está dando que falar na música galega actual. Trala presentación de Ardén na Muiñada de Vimianzo, outro
dos festivais marca Cherinkas, quedaron ganas no público de volver desfrutar do seu espectáculo con temas como Beijos de LK, Ruando ou Punheta!

Tamén teremos de volta en Vimianzo a uns grupos practicamente residentes na festa, como son Monoulious DOP e Festicultores. Na última edición da Cea Medieval, o grupo de Ula e Mon, quedaron coas ganas de acabar o seu espectáculo debido á chuvia, por iso volverán ao Asalto para quitar esa espiña cravada.

Festicultores fechou a última edición do Asalto ao Castelo cun público que non quería marchar para casa (nin eles tampouco). Os cultivadores de festas volverán para asegurar diversión, para terminar un Asalto “salvaxe” baseado na música, o humor, o baile e a desinhibición cerebral.

Finalmente, as galegas Flow do Toxo chegan desde O Condado para combater o patriarcado, defender o rural e o feminismo a través das súas letras reivindicativas.


Entradas para Manu Chao

Todos os concertos do venres e do sábado son de balde, excepto o espectáculo de Manu Chao acústico, para o que están as entradas á venda en asaltoaocastelo.gal. As entradas a prezo reducido esgotáronse en menos dunha hora, pero aínda segue
sendo máis económico retiralas online que compralas en taquilla, ao tempo que se asegura non quedar sen entrada.

A gran festa irmandiña da Costa da Morte está organizada por colectivos sen ánimo de lucro, a asociación cultural Cherinkas, Axvalso e o Concello de Vimianzo. Conta coa colaboración da Deputación da Coruña.

Comentarios